Ana Peleteiro (Ribeira, 1995) vén de acadar a medalla de ouro en triple salto no Campionato Europeo de Atletismo indoor que se está a disputar en Glasgow cun chimpo de 14,73 metros que, ademais, supón a mellor marca europea da tempada e o récord de España, en poder de Carlota Castrejana desde 2007 cun rexistro de 14,64.
A final de triple salto non comezou ben para a ribeirense, que realizou dous saltos nulos nos seus primeiros intentos, mais no terceiro xa se colocou na primeira praza cunha marca de 14,56, que pulverizaría no seguinte cos 14,73 definitivos, moi por diante das súas rivais.
Peleteiro conságrase así como a gran especialista do continente despois dunha medalla de Bronce na proba do ano pasado en Berlín.