MALIA REXEITAR A COMISIóN DE INVESTIGACIóN

Ana Pastor presume da xestión da seguridade ferroviaria tras o sinistro de Angrois

Ana Pastor, ministra de Fomento, asegura que reforzou a seguridade do sistema ferroviario tras o sinistro de Angrois.

O Partido Popular rexeitou en máis de media ducia de ocasións a creación dunha comisión de investigación parlamentar para esclarecer as responsabilidades políticas que se puidesen derivarse do accidente de Angrois. Porén, a ministra de Fomento, Ana Pastor, presume da xestión da seguridade ferroviaria e preguntada por Europa Press sobre o rexeitamento á creación desta comisión sinalou que desde “o primeiro instante para o Goberno o máis importante foi atender as vítimas e os seus familiares”.

A ministra de Fomento asegurou na entrevista concedida a Europa Press que tras a traxedia de Angrois comprometeuse hai dous anos no Congreso a reforzar a seguridade do sistema ferroviario e engadiu que “quero dicirlle que así se fixo”. E isto, a pesar de que a instalación do sistema de seguridade e protección do tren ERTMS, que tería evitado o sinistro do Alvia, aínda non está instalado. De feito, Adif aínda anunciou o pasado 31 de xullo, cumpridos dous anos do accidente, a adxudicación da instalación do ERTMS no Eixo Atlántico, entre A Coruña e Vigo, a Alstom, Siemens e CAF por 63,2 millóns de euros.

Se o ERTMS estivese instalado e activo na curva da Grandeira, o sinistro non acontecería

O proxecto orixinal do Eixo Atlántico de Alta Velocidade incluía a instalación deste sistema de seguridade que, segundo manifestou o Goberno durante estes dous anos, non era imprescindíbel na curva da Grandeira. Unha modificación previa ao inicio das obras ferroviarias desactivou este sistema nas proximidades da estación de Santiago, de maneira que trens como o Alvia contaban co sistema de seguridade ASFA, un método máis antigo.

Tanto o Sindicato Español de Maquinistas e Axudantes Ferroviarios, como o propio presidente de Adif e o perito independente César Mariñas –cuxo informe foi entregado no xulgado- sostiveron que se o ERTMS estivese instalado e activo a curva, en lugar do ASFA, o tren pararía con antelación e o sinistro non tería lugar.

Pola outra banda, segundo recolle Europa Press, Ana Pastor rexeitou analizar se, como reclaman as asociacións de vítimas, debería estar imputado na causa algún cargo de Adif. “Deixemos os tribunais, que son os que teñen que dicir que ocorreu e que pasou”, concluíu.

Comentarios