Angrois

Ana Miranda: “Cando escoitas as vítimas do Alvia muda todo”

O BNG reivindica a través dun vídeo o traballo realizado pola súa eurodeputada Ana Miranda en favor das vítimas do accidente de Angrois. No audiovisual que circula nas redes sociais a candidata á eurocámara denuncia que o Estado español “tapou” e negouse a investigar.

miranda
photo_camera Ana Miranda no audiovisual do BNG

Un novo audiovisual do BNG lanzado nas redes sociais reivindica o traballo político realizado pola súa eurodeputada Ana Mirada en defensa das vítimas do accidente de Angrois. A candidata ao Parlamento Europeo nas eleccións do 26 de maio afirma no vídeo que se comprometeu desde o primeiro día de escano “por obriga moral” a defender este asunto en Europa “fronte a un Estado español que, dunha ou outra cor, non quería investigar” e ao que acusa de “tapar” o caso.

No audiovisual reivindícase o traballo do Bloque dando prioridade no Parlamento Europeo ás demandas das vítimas de Angrois

Nese sentido, no audiovisual reivindícase o traballo do Bloque dando prioridade no Parlamento Europeo ás demandas das vítimas de Angrois e denunciado en reiteradas ocasións a intencionalidade do goberno do Estado de “botar terra sobre o que foi o maior sinistro ferroviario de Galiza”, acusa Miranda.

No vídeo a candidata nacionalista relata que tiña moi claro desde o principio que había que empregar a presenza do Bloque en Europa para dar voz ás vítimas, esclarecer a verdade, determinar responsabilidades políticas e contribuír a adoptar as medidas necesarias para evitar que se repetise a traxedia.

Miranda acusa ao Estado español de querer botar terra sobre o que foi o maior sinistro ferroviario de Galiza

Deste modo, o Bloque tamén reivindica o traballo de Miranda no sentido de ter logrado “coa súa mediación política” que a Comisión europea escoitase as vítimas e que a Axencia Ferroviaria Europea emitise un informe onde “claramente se sinala que o goberno do Estado incumprira a normativa comunitaria e que a súa investigación sobre o accidente fora parcial e non rigorosa”. O informe ademais sinalaba que a investigación se debía repetir. No audiovisual, Miranda tamén explica como logo de tres anos, o executivo da UE rematou abrindo un procedemento de infracción contra o Estado español por tentar tapar a traxedia.

“Xustiza, verdade e reparación para as vítimas” son os obxectivos polos que Ana Miranda se compromete a seguir traballando

“Xustiza, verdade e reparación para as vítimas” son os obxectivos polos que Ana Miranda se compromete a seguir traballando porque, segundo afirma no vídeo, “cando escoitas ás vítimas do Alvia, muda todo”.

Comentarios