Opinión

Amor de todas as cores?

Acaba de pasar o Día do Orgullo e, como acontece a miúdo con este tipo de datas, os medios, as redes sociais, as rúas, rebordan con mensaxes. Son estes fenómenos complexos nos que por unha banda alegra comprobar que se vai creando unha normalidade social con respecto á diversidade sexual e de xénero, e arrepía comprobar o incremento da transfobia, a comercialización e baleirado de contido dunha data que debe lembrar tamén as múltiples discriminacións que atravesan o día a día de moitas.

Adoitamos falar desta tendencia comercial e superficial ao redor das reivindicacións LGTBIQ+ como pinkwashing, que eu traduzo en galego como “plumar” (de “ter pluma”). Nese marco, unha tendencia que non é nova, pero que este ano por algún motivo atentou en repetidas ocasións contra o meu sentido crítico, é a de repetir a ladaíña “ama a quen queiras”, “amor é amor”. Un lema que no fondo acaba reducindo todo o traballo crítico dun colectivo a un concepto que resulta, cando menos, problemático. Porque as reivindicacións de diversidade sexual e de xénero non deberían ter que ver con “amar a quen queiras” (iso xa pasa dende sempre), senón con criticar as condicións en que se formulan TODAS as relacións e afectos.

A visión crítica da diversidade sexual e de xénero interroga as bases da sociedade: que corpos se consideran suxeitos de dereitos e cales non, de que xeito o noso desexo está construído polo relato cisheteropatriarcal capitalista, como construímos as nosas outras noutros lugares a imaxe e semellanza nosa (ignorando que mesmo as categorías LGTBIQ+ son un construto que responde ao entendemento da vida occidental, non necesariamente ao doutros pobos que xa de seu contan con outro marco referencial para os corpos, papeis sociais, afectos). Dende este punto de vista crítico, a revisión dos pasos que se deron formalmente cara a unificación (porque para min igualdade é outra cousa) das condicións do “amor” no noso país precisan seguir sendo interrogadas para que non se reduzan a manter os mesmos conceptos de familia aos que “engadir LGTBIQ+ e remexer”.

Dado que queda moito por interrogar, o Orgullo debe ser aínda un día que incomode, que nos reconcilie, que nos celebre. Non porque queiramos ou deixemos de querer dentro do amor romántico, senón por sinalar outras maneiras de estruturar a sociedade que son fundamentais para rematar coas violencias que agocha o sistema que habitamos.

Comentarios