Aminatu Haidar denuncia as agresións policiais marroquís

A activista a prol dos dereitos humanos denuncia a represión policial sufrida por manifestantes saharauís que se concentraban en El Aaiún na defensa do dereito á autodoterminación do Sáhara Occidental.
Christopher Ross e Aminatu Haidar
photo_camera Christopher Ross e Aminatu Haidar en El Aaiún

Co gallo da visita a pasada quinta do enviado especial das Nacións Unidas para o Sáhara Occidental, Christopher Ross, centos de persoas saíron ás rúas do Aaiún para reivindicaren o dereito á autodeterminación do pobo saharauí.

A activista e presidenta do Colectivo dos Defensores Saharauís de Dereitos Humanos (CODESA), Aminatu Haidar, denunciou que as forzas policiais marroquís reprimiron con violencia @s manifestastes e mesmo que ela fose agredida bruscamente días antes perto do edificio da Minurso (Misións das Nacións Unidas para o Sáhara Occidental). A cidade atopábase ocupada por forzas policiais enviadas por Rabat perante a chegada de Ross. 

Segundo conta Haidar, ela procurou perante os ataques, dialogar coa policía, argüíndo o dereito a se manifestaren pacificamente, porén, dous axentes comezaron a a perseguir e a a agredir --física e verbalmente. A activista mesmo denunciou que o seu coche fora destrozado e que o seu domicilio se atopaba sitiado por forzas policiais que lle impediron abandonar a vivenda, xunto a outras corenta persoas.

A visita de Christopher Ross insírese na operación Minurso, cuxo obxectivo supostamente era a garantía de celebración dun referendo pola autodeterminación no Sáhara Occidental. Como noutras ocasións, o representante das Nacións Unidas escoitou as reivindicacións dos colectivos pola autodeterminación que, máis unha vez, denunciaron as violacións dos dereitos humanos cometidas polas forzas marroquís nos campamentos de refuxiados.

No entanto, Ross tamén se reuniu con representantes do goberno de Marrocos, cuxa proposta segue a ser negar o dereito a decidir do pobo saharuí e reiterou a proposta do executivo de Rabat de desenvolver o que denominan un "plan de autonomía", polo que o Sáhara continuaría baixo control marroquí aínda que de maneira formal se lle recoñecese certa autonomía. Pola súa banda, os colectivos saharahuís exixen a convocatoria do tan demorado referendo que permitise ao pobo decidir sobre o seu futuro.

Comentarios