Amazonia: O inferno detrás do incendio (I)

A Amazonia leva moitos anos no punto de mira dos grandes poderes económicos internacionais. Os incendios forestais que asolaron a zona ao longo de todo o mes de agosto e a resposta da comunidade internacional evidenciaron os intereses en xogo. Achegamos a primeira parte da análise do ensaísta boliviano Rafael Bautista, un dos máis destacados representantes da Escola decolonial. Eis un extracto da análise, publicada no semanario en papel Sermos Galiza.
f_6_Amazonia
photo_camera [Imaxe: Cedida]

m_6_AmazoniaA expansión acelerada da mancha térmica do incendio da Amazonia está provocando outro incendio semellante na opinión pública. Mais este lume, e a bruma que xera, ten a particularidade –como é habitual na lóxica militar– de distraer a atención mentres se poñen en marcha outras actuacións que, ao non ser declaradas, logran unha vantaxe definitiva no desenlace final do asunto. Por iso, cando as inculpacións e as condenas animan aínda máis un conflito latente, hai que preguntarse: a quen lle interesa inflamar a rexión nun período pre electoral? Que intereses encubertos ten o poder para provocar unha desestabilización rexional, incluso baixo bandeiras tan loábeis como a “defensa do pulmón do planeta”?

Apliquemos un procedemento inverso para entender a situación; das consecuencias na opinión pública vaiamos clarificar os beneficiados do caos que poida producirse. Mudar a dirección das preguntas axudaríanos a superar o maniqueísmo fácil que só conduce á destrución mutua porque, en tal caso, todos contribuirán, sen pretendelo, a xerar outro incendio que remataría nun inferno, que é, por exemplo, o que desataron as potencias occidentais no Iraq, Siria ou Libia, ao abeiro tamén de “nobres causas” e coa complicidade da opinión pública que acreditou inxenuamente en tales ficcións.

Onde nos leva unha situación de desestabilización rexional ás portas dun proceso electoral no cono sur? Esta é unha boa pregunta ante unha situación tan propicia como un desastre ambiental que podería orixinar unha declaración de “emerxencia mundial” que xa vén defendendo un anacrónico G7. Nisto hai que ser claros: nunca unha axuda procedente dos países ricos foi xenerosa, senón parte dunha política intervencionista.

Se isto é así, a hipótese da deliberada diseminación dos focos do incendio cobra outros matices. Non se pode esquecer que nos atopamos diante dunha crise estrutural e que as actuais guerras frías non declaradas expresan políticas de supervivencia que o sistema capitalista asume como o último recurso para restaurar a súa hexemonía.

Entremos no contexto. O neoliberalismo non foi a expresión do trunfo do capitalismo, senón a resposta do poder financeiro ante o fracaso do sistema económico, pois desde os anos 70 o crecemento global foi mediocre e non responde ás expectativas de ganancia do capital. Se o medre de beneficios que se logrou co efémero auxe do neoliberalismo provocou a crise financeira de 2008, ao apoiarse exclusivamente en burbullas, e a globalización non logra controlar o mundo, senón provocar un relevo nos centros de poder que vira a economía cara a oriente en detrimento do propio occidente, resulta que o sistema‑mundo moderno, baseado na hexemonía do dólar, desintégrase e destrúese nunha sorte de demencia sistémica que aposta mesmamente contra a súa propia supervivencia.

Trump e Bolsonaro son a personificación diso; evanxélicos ambos, declaran fidelidade a un milenarismo que recruta cruzados para desatar unha nova guerra “do ben contra o mal”; o encarnizamento de ambos contra inmigrantes e indíxenas é unha boa mostra da teoloxía da conquista.

A lóxica do capital é suicida, pero o grave é que, nesa lóxica, arrastra todo o sistema económico a asumir apostas irracionais, crendo que son as máis lóxicas. Nese sentido, o que sucede na Amazonia non ten a ver directamente cos efectos do cambio climático senón cunha aposta incomprensíbel dos poderes reais do mundo, mesmo poñendo en risco a propia base da existencia da humanidade. A queima da Amazonia semella premeditada e ten propósitos xeopolíticos.

[Eis un extracto da análise publicada no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios