Como é que nace este proxecto de dicionario?
A idea de crear o Dicionario galego para boomers foi da nosa profesora Noemí. Sempre nos propón facer cousas guais, como outro proxecto que fixemos con música no primeiro trimestre, por exemplo.
Cando nos contou a idea de facer un dicionario con palabras de videoxogos e doutras cousas que nos molan para explicarllas á xente que non sabe nada disto, dixemos que si ao momento.
Cal é a metodoloxía que seguen? Como escollen o termo a publicar ou a periodicidade das publicacións no Instagram?
Cada 15 días mantemos unha reunión na clase para organizármonos. Facemos unha chuvia de ideas con todas as palabras que se nos ocorren, a profesora axúdanos un pouco neste punto, e despois de escollelas, planificamos un calendario para saber que día temos que entregarlle a Noemí o termo en cuestión. Cada día imos publicando un no Instagram.
En resumo, o noso traballo consiste en elixir un neoloxismo, clasificalo segundo a súa categoría gramatical, definir o seu significado e pór un exemplo que o ilustre. Despois volve ser a profesora Noemí a que se encarga de facer a montaxe, do texto e da imaxe, e de subila ás redes.
Unha vez que publican o Dicionario galego para boomers nas redes, que resposta están a recibir tanto do público xeral como das e dos boomers?
Pois a verdade é que empezamos a pensar que, se seguimos a este paso, ímonos facer famosos! Xa houbo moita xente que nos felicitou, como foi o caso da escritora Ledicia Costas, a deputada Olalla Rodil ou o Em Galego, o "consultório lingüístico" en Twitter da Associaçom Galega da Língua.
Todos os comentarios nos fixeron moita ilusión. Ademais, cando a profesora nos dixo que o Portal das Palabras (da Real Academia Galega e mais da Fundación Barrié) nos seguía a través do Instagram démonos conta de que estamos a facer algo grande. Hai moita xente que nos escribe para apoiar esta iniciativa, así que estamos moi contentas e contentos.
Pódese ser un ou unha boomer aínda que se teña conta de Twitter e de Instagram, por exemplo? Cantos ou cantas boomers lles consta que os seguen?
Si, si que se pode e, de feito, a metade dos nosos seareiros e seareiras non coñecen a maioría das palabras que estamos a publicar. Así que, agora nós facemos de profesoras e profesores para esa xente.
Máis alá da cuestión xeracional, como definirían unha boomer? Pode selo alguén que teña, por exemplo, 20 anos?
Si. Podes ter 13 anos e ser boomer ou achegarte aos 80 e non selo. Todo depende de se che gusta facer cousas novas, por exemplo. Para nós, un ou unha boomer é unha persoa que non sabe o que está de moda, as cousas que lle interesan agora á xente nova.
Que é o máis divertido de traballar nun proxecto así? E o máis complexo? E cal vai ser o seguinte paso?
O mellor é que estamos a traballar coas redes sociais e iso fai que as clases sexan máis divertidas. O máis difícil é falar galego, é algo que nos custa moito.
Sobre o futuro do dicionario, temos pensado seguir definindo palabras, pero tamén sabemos que Noemí ten unha sorpresa preparada para o próximo trimestre, algo relacionado con facer contidos noutras plataformas como TikTok e Youtube.