Os alugueiros baixan na Galiza arrastrados polos datos da Coruña

O análise de Idealista, que só analiza os prezos nas capitais de provincia, sitúa a Galiza coa maior baixada en agosto por detras das Illas Balears
Alugueiros
photo_camera Anuncios de alugueiros na comarca da Mariña (Foto: Europa Press).

Os prezos dos alugueiros seguen disparados na Galiza e en moitas cidades segue sendo complicado atopar vivenda, como no caso de Compostela. 

Porén, o portal inmobiliario Idealista detectou unha baixada dos alugueiros no mes de agosto, partindo dunha análise dos prezos nas capitais de provincia. Así, segundo este estudo, o prezo dos alugueiros baixou o pasado mes 1,3% na Galiza, o segundo maior descenso do Estado español a respecto do mes de xullo, só superado por Illes Balears, onde a caída chegou a 1,5%. 

No seu informe, o portal inmobiliario Idealista sitúa a cidade da Coruña entre as urbes onde máis se moderaron os prezos dos alugueiros. Cunha redución de 2,6% ocupa o terceiro lugar, só superada por Teruel (2,9%) e Sevilla (2,8%).

No extremo oposto, Soria é a capital na que máis subiron os prezos que piden as persoas propietarias por un piso en alugueiro. O incremento de xullo a agosto nesta cidade foi de 1,5%. Por detrás estarían Huesca (1,4%), Lleida (1,3%) e Logroño e Lugo, cun crecemento de 1,2% en ambos os casos.

Os datos de Idealista refírense só a capitais de provincia. Así, no caso da Galiza non teñen en conta os datos de cidades como Ferrol, Vigo ou Compostela. Nesta última, segundo confirmaron fontes do sector a Nós Diario, lonxe de baixar, os prezos incrementáronse, até o punto de que as persoas que veñen á capital do país a estudar teñen case imposíbel dar cun piso, e menos aínda facelo por un prezo razoábel, xa que a escaseza de oferta fixo que os prezos subisen aínda máis nas últimas semanas.

O acceso á vivenda está a volverse cada vez máis complicado. Na actualidade, as galegas e os galegos teñen que destinar de media 29% do seu salario a facer fronte aos gastos do alugueiro. A oferta é limitada e a demanda crecente, xa que cada vez son máis as persoas que, ante a incerteza sobre a situación económica, apostan no alugueiro fronte á compra.

Comentarios