Algúns hoteis e cadeas de alimentación vulneran as restricións do estado de alarma

Persoal realizando tarefas de seguridade e excesos horarios son as denuncias máis habituais dos sindicatos.

camas hotel habitación

As medidas restritivas adoptadas polo Goberno español coa aprobación por decreto do estado de alarma obrigan ao peche de toda actividade que non sexa esencial. Os hoteis entrarían dentro desta categoría e deberían estar pechados desde a publicación desas medidas no BOE. A maior parte dos estabelecementos acatou esta restrición mais hai algúns que aínda manteñen persoal.

“Hai hoteis que teñen persoal mínimo, outros pecharon por completo e só accede de cando en vez o de mantemento”, explican a Nós Diario desde a CUT, “nalgunhas instalacións está o director”, engaden.

Nos estabelecementos pequenos o respecto pola medida é absoluto mais nos grandes actúa a picaresca. “Hai casos nos que non se quere contratar unha empresa de seguridade e seguen no seu posto recepcionistas ou conserxes”, aseguran. Esta circunstancia implica, para este sindicato, un perigo para a propia traballadora ou traballador que non conta cos coñecementos nin figura no seu contrato realizar estas tarefas.

“En Compostela temos constancia dun caso no que aínda hoxe non teñen un expediente de regulación de emprego (ERTE) aprobado e o persoal ten que ir traballar de maneira presencial”.

Desde a CIG indican a Nós Diario que é “moi difícil controlar esta situación”. Transi Fernández, secretaria nacional de Servizos, explica que “non temos constancia de moitos casos mais si que sabemos que hai estabelecementos nos que queda algunha persoa de mantemento e noutras queda a propia dirección”.  

Traballos de seguridade

Realizar traballos de seguridade sen ser a súa función acontece estes días na maior parte das grandes cadeas de alimentación. Desde a CIG denuncian que non se contratan empresas de seguridade e están a obrigar a algunhas empregadas de caixa ou repoñedoras  a realizar este traballo nos accesos do público.

“Indican cando ten que entrar a clientela ou que as persoas garden unha distancia entre elas”, explica Transi Fernández, “é algo anormal que se suma ao seu traballo e ademais con perigo, xa houbo algúns incidentes que tiveron que aturar”, engade.

Abrir en festivos

As grandes cadeas de alimentación teñen pensado abrir a vindeira quinta feira 9 de abril, festividade de Semana Santa. Desde os sindicatos non entenden esta medida propiciada pola resolución de liberdade de horarios de estabelecementos de primeira necesidade recollida no Diario Oficial da Galiza (DOG) do pasado 15 de marzo.

“Que necesidade hai se nos din que hai que estar na casa de que abran a quinta feira santa?”, pregúntase Transi Fernández. Relata que empresas como El Corte Inglés abriron en domingo con esta situación.

A Federación de Servizos de CCOO remitiu un escrito á Presidencia da Xunta, á Consellaría de Sanidade e á de Economía, Emprego e Industria no que cualifican de “inapropiada e inadecuada” a resolución sobre a liberdade de horarios.   ".

"Cremos que é prioritario asegurar a protección das persoas traballadoras, especialmente expostas nesta situación, e que abrir nun festivo como este resulta contrario ao sentido común", destacan.

Exceso de horas

“Non entendemos ese egoísmo absoluto de que non teñan conta das súas empregadas e empregados”, explica Transi Fernández, “o normal sería rebaixar o horario nesta situación e non  fan, todo o contrario, abren de 9 a 21 horas”, engade. A sindicalista recoñece que sinte “unha impotencia moi grande” por ver como estas grandes empresas “dan cancha para que esteamos paseando cando as recomendacións son que merquemos para varios días”.

En CCOO engaden que as traballadoras e traballadores teñen unha “enorme presión” estes días e a “necesidade de descanso é evidente”.

Falta de medidas de protección

A situación excepcional obriga a ter medidas excepcionais de protección que non están a ser controladas en todos os estabelecementos. Un exemplo é o Carrefour de Lugo onde a CIG denunciou que “a porta pechada as traballadoras e as traballadores estamos amoreadas nos corredores para poder sacar as mercadorías dos palé e repoñela nos estantes" cando a distancia de seguridade “ten que ser de 2 metros”.

Esta situación, explican desde a central nacionalista, foi comunicada á encargada da organización do proceso de reposición que se limitou a contestar que "o primeiro era a reposición", deixando nun segundo lugar á saúde das persoas. Desde a CIG aseguran que tampouco a dirección da empresa actuou en consecuencia.

“Aproveitan que non te podes mobilizar e poñerte de piquete na porta”, asegura Transi Fernández, “fan o que nunca fixeron, abusar”, engade.

Comentarios