O festival decorrerá en Compostela do 19 ao 21 de setembro

Alguén que respira! xunta medio cento de poetas

O programa desta edición inclúe unha homenaxe á recentemente falecida poetisa Luz Pozo Garza. O acto terá lugar o 19 de setembro no Teatro Principal.
conde
photo_camera A poeta Carmen Conde, na slam poetr, do festival de 2019. (Foto: Nós Diario)

A terceira edición do festival compostelán Alguén que respira! decorrerá do 19 ao 21 de setembro baixo o lema Vós escribides o poema, tratando de converter a poesía “nun instrumento de aproximación comunitaria”, tal como explica a organización nunha nota de prensa. A programación tivo que introducir algúns cambios a respecto da prevista para marzo, cando o festival foi adiado a causa da pandemia da Covid-19, pasando unha parte da súa actividade á contorna dixital. Así, por primeira vez, non se terá lugar un slam. Mais tamén haberá novidades, como un recital de Lupe Gómez, que leva anos sen facelo en público.

Poetas, instrumentistas, compositores, actores, performers ou videocreadoras ofrecerán os seus traballos de hibridación artística. O programa inclúe o sábado 19 no Teatro Principal, a partir das 21 horas, unha homenaxe á recentemente falecida Luz Pozo Garza, poeta que escribiu o manifesto deste ano. Ademais da lectura do texto –que realizará Nieves Neira–, proxectarase Luzazul, gravación reeditada para o festival dunha entrevista que a poeta realizou na TVG. Pouco despois terá lugar o recital poético de apertura, coa participación de Beatriz Chvite, Lupe Gómez, Renato Filipe Cardoso, Manuel Rivas, Blanca Llum e Ada Salas.

Escribir na pel

Ese mesmo día 19, pero pola mañá, a partir das 12.30 horas no Teatro Principal, está prevista unha sesión de regueifa con Lupe Blanco, Josiño da Teixeira, Olalla da Prica e Manolo de Burela. Pola tarde, ás 18.30 horas, antes do recital inaugural preséntase outra proposta, con Antón Lopo -tamén director do festival- na dirección e Baltasar Patiño na iluminación, documentación de Séchu Sende e espazo sonoro de Ana Romaní e Chus Silva. Sobre o escenario do Teatro Principal, os visitantes poderán ver versos de Manuel Antonio ou de Cunqueiro escritos sobre a pel de Charo Lopes, Lupita Hard, Paulinha, Nébeda Piñeiro, Xosé Antonio Liste, Millán Fernández e Sonia Outes.

Tamén poderá verse por vez primeira Sentadas na beira do escenario cos pés colgados, unha proposta de Celso Fernández Sanmartín. A esta peza, que se desenvolverá o domingo ás 18 horas no recital Atravesei a cerca, nun programa compartido con David Trashumante, Carlos Quiroga, O Leo e María Lado, súmase a homenaxe que o festival lle rende o día 21 ás 18 horas ao poeta Francisco Cortegoso a través de Je vous salue, realizada por Pablo Fidalgo.

Polos diferentes espazos do festival poderá escoitarse e verse case cincuenta poetas, algúns deles inéditos na Galiza. A poesía en catalán terá unha sesión específica o domingo día 20 pola mañá, ás 12.30 horas no Principal, con André Targa, Pol Guasch e Pau Vadell. O domingo ás 21 horas Miguel Azguime estreará a ópera Salt Itinerary e na segunda feira á mesma hora Rompente estreará tamén Que hostia din os rumorosos? e Mercedes Peón e María Reimóndez presentarán Linguas elementais.

Protocolos

“Durante tres días, o festival buscará o máis difícil: romper as barreiras entre público e poetas nunha época de distancias físicas”, indica a organización. “Os protocolos contra a pandemia da Covid-19 estabelecen capacidade reducida e medidas de circulación que, como un manual de instrucións, converten cada acto social nunha posta en escena performática e o público en performers. Mesmo, a súa asistencia é un desafío que o festival agradece converténdoo no eixo dunha programación marcada pola sorpresa, as propostas máis arriscadas e a fisicidade”, signos deste programa promovido polo Concello de Santiago coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Todos os espectáculos e recitais serán gratuítos previa retirada da entrada no despacho de vendas do Teatro Principal de Santiago. A partir de mañá pódense reservar xa as entradas ou ben no propio teatro en horas de billeteira (de 18 horas a 21 horas) ou na web de Compostela Cultura (www.compostelacultura.gal). Os recitais terán unha capacidade limitada de entre 50 e 60 espectadores. “O obxectivo é que o festival e o propio Teatro Principal sexan un expositor de como desenvolver programas culturais cos parámetros de seguridade máis esixentes. Tan importante é garantir a protección de participantes e público como visibilizar os encontros culturais nun momento tan sombrío para a cultura como o actual”, sinala, por último, a organización.

Comentarios