Opinión

Algo máis que "os erres"

Cando comecei a estudar, moitas persoas reaccionaban ante a miña profesión cun: "ai si, iso dos erres!" e levábanme os demos. Once anos despois, xa non é tan xeneralizado, pero séguenme levando os demos con esa frasiña… Certo é, as logopedas somos as encargadas de traballar as alteracións articulatorias pero non só é "a das erres".

O termo máis xeneralizado para referirse a este tipo de alteracións era o de dislalia que quedou en desuso dando paso a un máis técnico e explicativo: Trastorno dos sons da fala (fonético ou fonolóxico, acuñado por Franklin Susanibar). Este trastorno pode afectar a calquera dos fonemas da fala da persoa e pode deberse a un "defecto" na adquisición (fonética) ou na alteración (fonoloxía) do fonema realizado. Así, nun trastorno de tipo fonético, a persoa non será capaz de articular o fonema de ningunha forma, tendo que substituílo ou omitilo mentres que no caso do tipo fonlóxico, a persoa xa é capaz de producir de forma adecuada o son, mais non de forma espontánea, sen axuda e/ ou referencia.

Para delimitar se é un ou outro, deberemos analizar: a discriminación auditiva, a musculatura orofacial e as funcións estomatognáticas como respiración, voz ou fonación, ademais de, por suposto, a articulación. En primeiro lugar, a discriminación auditiva refírese á capacidade de identificar os elementos acústicos diferenciadores entre fonemas que teñen unha zona ou punto de articulación similares e/ou forma ou modo e articulación similar.

A musculatura orofacial deberá ser analizada tendo en conta todos os parámetros do movemento. Non se trata de que a persoa vaia facer movementos das estruturas orofaciais (lingua e labios principalmente) sen unha lóxica nin unha impronta na función; as denominadas ata non hai moito praxias, están a ser moi controvertidas para as profesionais posto que hai unha nova corrente que asegura que mellorar os parámetros do movemento non repercutirá na función a realizar, neste caso articulatoria. Eu son das que pensa que "nin calvo, nin tres perrucas"; nin me vou poñer a facer exercicios sen xeito, nin vou empezar a casa polo tellado, xa que se a persoa non é capaz de levantar a lingua ata tocar as rugosidades palatinas, non podo esperar que vaia articular un ll/ ou un /rr/ sen outra indicación máis que a do meu modelado do son.

Por último, as funcións estomatognáticas están relacionadas entre si, por contar coa mesma musculatura para a execución de diferentes tarefas como a respiración, a fonación ou a masticación e a degución. Alteracións en calquera delas poden estar relacionadas cunha incorrecta articulación. Existen outros termos relacionados coas dificultades articulatorias que serían a inmaturidade articulatoria ou o retraso da fala. No caso da inmaturidade, a valoración será similar pero coa diferenza de que os fonemas alterados serán practicamente todos. En fala espontánea practicamente será inintelixible e se se pide cada fonema por separado ou por imitación, a persoa será capaz de articular moitos dos fonemas que no seu discurso non se perciben. Pola contra, no caso do retraso da fala, non será capaz de articular algún ou moitos dos fonemas propios da súa idade cronolóxica e de etapas anteriores, facendo máis inintelixible a súa fala e condicionando as súas producións a nivel de morfosintaxe. O máis habitual será que as persoas con este tipo de alteracións acuda a unha logopeda en idade escolar posto que as alteracións articulatorias teñen unha forte interrelación coas alteracións na aprendizaxe da lectoescritura. Se non son capaz de facer unha pronuncia boa, podo ter dificultades para facer a conversión correcta entre o grafema e o fonema para a lectura e viceversa para a escritura.

Así, o fácil de traballar "cos erres" pasa a ser máis complexo do que puidera parecer e require unha valoración exhaustiva da logopeda e un plan de traballo que garanta a adquisición e/ou xeneralización dos fonemas alterados, coa colaboración familiar e da crianza, esencial sempre para o éxito do tratamento.

Comentarios