Opinión

Algo falla

Esta é a pregunta que semella estar no aire, impregnada a un tempo das súas propias respostas. «Que fallou?». Todo o mundo sabe de que falamos. Todo o mundo ten a contestación preparada, a ira contra un goberno incompetente a todas luces, antes, durante e despois.

Esta é a pregunta que semella estar no aire, impregnada a un tempo das súas propias respostas. «Que fallou?». Todo o mundo sabe de que falamos. Todo o mundo ten a contestación preparada, a ira contra un goberno incompetente a todas luces, antes, durante e despois. A dor de polo de agora unha persoa que se enfronta a un futuro incerto, enferma e illada, estigmatizada tamén en gran medida e á que seguirán, sen dúbida, outras. A irracionalidade mesmo de sacrificar un can sen ter ningunha base para facelo, o clima de desinformación...

"Nada máis nos preocupamos das cousas cando as padecemos nas nosas casas, cando chegan ás nosas costas, cando veñen transportadas na pel branca"

Mais o certo é que hai pouco debate sobre o principal, sobre outro tipo de ira moito máis primaria que se orixina en quen ve que nada máis nos preocupamos das cousas cando as padecemos nas nosas casas, cando chegan ás nosas costas, cando veñen transportadas na pel branca. Hai meses que os países de África occidental se enfrontan a un desafío de enormes dimensións mentres o resto do mundo mira sen cesar o seu propio embigo. Mira tentando controlar «as e os africanos» (negras e negros, claro está), reafirmando o racismo e a represión nas fronteiras. Hai uns días a policía de Lugo falaba da alarma polo ébola no San Froilán porque habería «moitos africanos». Estas cousas que parecen de chiste mal contado non teñen a máis mínima graza para todas as persoas de orixe africana que habitan entre nós. Á sensibilidade xeral de seu ben pouco refinada da poboación cara á diferenza engádese agora outra ameaza. Resulta doado imaxinar que o día a día das persoas de pel negra nas nosas sociedades, tanto ten que sexan de Serra Leoa que de Haití, acaba de entrar nun grao de horror novo, a pesar da ironía de que a enfermidade chegou, precisamente, en pel branca. O ébola convértese nunha escusa máis para mallar persoas no muro da infamia, para deixalas morrer no Estreito. Estamos demasiado ocupadas en «protexernos», o medo desactiva o pensamento crítico a velocidades aceleradas. Xusto no momento no que máis se precisa.

Porque é agora cando toca analizar o que acontece de forma crítica. Por exemplo, o comentario de Obama estes días no que dicía que era importante controlar a enfermidade «na orixe». Agora que chegou a novos continentes. Antes tanto tiña. Porque hai corpos, persoas, sufrimentos e vidas que son prescindibles. Non interesan ás farmacéuticas porque non teñen cartos para pagar, non interesan aos nosos gobernos como cidadáns e cidadás a menos que sexa para uso electoral. Mais o desinterese é só aparente porque como man de obra barata, como exceso ou defecto dos nosos estupendos sistemas do xa caduco e fenecido «benestar», como fontes de minerais, petróleo ou cereal si interesan. A mentalidade colonial ten esas ilusións ópticas e todas as que vivimos deste lado semellamos ficar presas delas, sen ser capaces de espertar nin nos momentos máis agudos como este que vivimos.

"O ébola convértese nunha escusa máis para mallar persoas no muro da infamia, para deixalas morrer no Estreito. Estamos demasiado ocupadas en «protexernos», o medo desactiva o pensamento crítico a velocidades aceleradas. Xusto no momento no que máis se precisa".

Porque se ben nos doe a enfermidade da persoa contaxiada, que ademais ten familia en Becerreá, de onde é a miña propia; se ben sentimos o medo ao contaxio; se ben nos rebelamos contra os nosos incompetentes gobernantes, semella que cando isto pasa noutro lugar non nos doe en absoluto. A ninguén lle doeron ata o de agora as vidas que xa van alá, o medo, a incompetencia da comunidade internacional. Para as persoas que traballamos na cooperación internacional dende un enfoque crítico e feminista este momento implica unha ira que resulta moi difícil reprimir. 

Nestes tempos nos que é frecuente considerar as organizacións de cooperación redundantes (véxase a desmantelación total e absoluta do sistema de axuda oficial sen que se dese chío) cómpre recordar unha vez máis que o papel das organizacións críticas é agora máis importante ca nunca, porque estamos aquí para clamar, para advertir e sinalar, tanto os problemas coma as solucións. Estamos aquí para lembrar que ou nos unimos as sociedades civís do Norte e do Sur ou todas naufragamos, igual que fan tantas persoas no Estreito. Nada do que aconteza en ningún lugar do mundo, como demostra o ébola, nos é alleo. E non falo aquí dunha «humanidade» desa idealizada baseada nun sentido de dó e caridade cristiá. Non, falo dunha construción política na que as persoas estean por enriba dos beneficios, na que dunha vez por todas nos movamos conxuntamente para sacar a saúde e a alimentación da OMC, por ir empezando. Son os nosos gobernos quen teñen os dereitos a veto, quen marcan as normas, quen deixan á intemperie a aquelas que fican do outro lado.

"O que fallou no caso concreto do contaxio por ébola ten moito que ver coa forma de construír as sociedades baseándose en ideas dun suposto «crecemento» que estamos fartas de saber que só fai crecer  uns poucos"

Pois no fondo, o que fallou no caso concreto do contaxio por ébola ten moito que ver coa forma de construír as sociedades baseándose en ideas dun suposto «crecemento» que estamos fartas de saber que só fai crecer (diría mellor medrar) uns poucos. Tivo que vir o ébola facer todo isto visible, facer visible que atacar o sistema sanitario público e tentar privatizalo provoca mortes, que a delegación da política en mans só de «profesionais» leva a irresponsabilidades. Pois a política facémola cada día. Cando miramos para o outro lado, cando vivimos na permanente desconexión de nos laiar por todo pero tampouco facer nada porque as cousas viren de rumbo. E facer algo implica, agora e sempre, entender sobre todo as conexións. Como ben nos ensinan os feminismos, non vale que só unhas poucas en certos lugares teñan dereitos e servizos, cómpre que os teñamos todas. Por iso é hora de saír da comodidade de mercar en Zara, de consumir medicamentos sen pensar como se producen, de desbaldir recursos enerxéticos, de tirar un móbil cada tres meses, de mercar un coche cada dous anos, de permitir que se desmantele o público. O ébola (e non falo do contaxio europeo) forma parte de todo ese conxunto. Porque no fondo o que falla somos nós, como sociedade. É hora de cambiar de perspectiva e sacar o sacho moito antes de que chegue a xeada á nosa horta.

Comentarios