Alcoa culpa no xuízo o persoal e as Administracións da situación en San Cibrao

Fracasado o acto de conciliación hoxe tivo lugar a vista do xuízo polo despedimento colectivo de persoal da fábrica de Alcoa en San Cibrao (Cervo). A multinacional defendeu a súa actuación e criticou a actitude do comité de empresa e das Administracións galega e española.
Xuizo de Alcoa no TSXG (Europa Press)
photo_camera Xuízo de Alcoa no TSXG (Foto: Europa Press)

O conflito de Alcoa chegou finalmente hoxe a xuízo no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) polo despedimento colectivo na fábrica de San Cibrao (Cervo) após non lograr acordo ningún co comité de empresa e fracasar o acto de conciliación nas horas previas á vista. A multinacional empregou para defenderse a estratexia do ataque contra as organizacións sindicais e as propias Administracións públicas que interviñeron nas negociacións estes últimos meses.

Os seus avogados sinalaron que a aplicación do expediente de regulación de emprego (ERE) a máis de 500 traballadores era algo "inevitábel" polo custo enerxético da planta, chegando a ir máis alá ao afirmar que "a industria do aluminio é deficitaria no Estado español". 

A empresa, contra as Administracións públicas

Alcoa asegura que desde o inicio do período informal de consultas do ERE o 29 de maio, foron 120 días de negociación, tras dúas ampliacións, por enriba dos 30 días que exixe a lei. Negan os seus representantes que se ocultase documentación e insisten en que "os traballadores foron os responsábeis da falta de acordo". Puxeron como exemplo os casos das empresas Vesubios e Vestas, que remataron cun pacto para unha saída negociada. 

Para a multinacional,  ademais, teñen parte de culpa as Administracións. En concreto afirman que a autoridade laboral "non foi parcial". Acúsana de manter unha "coordinación" co cadro de persoal e apuntan como "grave" que a Xunta e o Goberno español se pronunciasen para afirmar que "a única solución" era a venda, algo que, din, "vulnera o dereito da propiedade privada e da empresa".

Alegan que na negociación de venda "o foco" de Liberty House era facerse coa planta de alúmina, o que excedía as pretensións de Alcoa. Por último o avogado desta fábrica criticou que se quixese vender a planta por un euro e asumir "170 millóns" no proceso.

A CIG agarda que se declare nulo o ERE

Minutos antes de comezar a vista e ás portas do TSXG, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, aseguraba que farán valer en sede xudicial "toda a sen razón de Alcoa, a falta de xustificación do ERE e o despropósito ao que nos ten conducido esta empresa". Lembrou que desde a central nacionalista defenden que "a solución para deter definitivamente os plans de desmantelamento de Alcoa depende de decisións políticas, da intervención pública da planta" e non nos xulgados.

Carril, testemuña na vista, denuncia "o despropósito de Alcoa e a nulidade do ERE de extinción" froito dun “auténtico terrorismo patronal" que podería rematar na desaparición dun sector estratéxico para a economía galega. 

Carril demanda que os Gobernos español e galego "abandonen a pasividade e inacción e dean xa os pasos que sexan necesarios para a intervención pública da fábrica, a súa nacionalización, mediante un proceso de expropiación forzosa ou mediante outro mecanismo" como única garantía de frear os plans de Alcoa e manter o emprego e a actividade das cubas de electrólise. 

A proposta de última hora do Goberno español non chegou

O acto de conciliación entre Alcoa e a representación do seu cadro de persoal, realizado a primeira hora de hoxe, rematou sen acordo polo que o xuízo foi inevitábel. Desde o comité de empresa agardaban un último movemento por parte da Administración española que non chegou. "Esperabamos unha última proposta que puidese mover a negociación, pero o Goberno non a fixo", lamentou o seu presidente, José Antonio Zan.

Comentarios