Alcoa chega ao Parlamento: de regular o mercado eléctrico a verificar as axudas públicas

Obreir@s de Alcoa frente a Xunta da Galiza

O feche anunciado por Alcoa das factorías da Coruña e Alcoa e a perda de postos de traballo correspondentes, case 400 na planta coruñesa, centrou a actualidade desta segunda feira no Parlamento. Todos os grupos parlamentares se referiron á decisión de multinacional estadounidense.

Pedro Puy, portavoz parlamentar do PP, confía en que se poida lograr un consenso que permita unha declaración institucional sobre Alcoa. Os populares, anunciou, van presentar unha iniciativa que solicita un réxime de compensación polos prezos a empresas electrointensivas, como poden ser Alcoa, Megasa ou Ferroatlántica.

“A Xunta non fixo todo o posíbel” sobre Alcoa, denunciou Luis Villares (En Marea). O portavoz parlamentar desta organización sinalou que o PP votou en contra de propostas de En Marea sobre prezos no sector eléctrico por, dixo, ir contra os intereses do “oligopolio eléctrico”. Villares apostou nunha “mesa tripartita” para abordar esta cuestión e avogou por fiscalizar as axudas públicas a empresas como Alcoa.

Desde o PSdeG Fernández Leiceaga propuxo “actuar” no mercado eléctrico para que non se dean este tipo de situacións. O socialista dixo que era “hora de sumar” para que o ERE “non se materialice” e propuxo que as axudas públicas a empresas estean ligadas a unha “garantía de permanencia”.

Unha “fronte de país” para garantir os empregos de Alcoa foi a petición realizada por Ana Pontón (BNG), que lamentou que nestes días Núñez Feixoo “estivese máis preocupado en buscar a quen botar a culpa” que en actuar como “presidente de Galiza” e intentar procurar solucións. A portavoz do BNG defendeu unha tarifa propia como a que xa ten o País Vasco, “que lle permite aforrar 120 millóns de euros” as fábricas electrointensivas: “Non vexo ningunha empresa anunciando peches en Euskadi por culpa do custe da electricidade”, indicou, “e alguén nos ten que explicar por que existe unha tarifa eléctrica vasca e se veta unha tarifa eléctrica galega”.

Comentarios