BNG reclama a derrogación urxente da reforma laboral para salvar Alcoa

O BNG reclama a modificación do texto legal para recuperar a autorización administrativa dos EREs como antes de 2012.
O deputado do BNG, Néstor Rego (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG, Néstor Rego (Imaxe: Nós Diario)

O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de presentar unha Proposición Non de Lei no Congreso das Deputadas na que insta ao Goberno español á derrogación urxente da reforma laboral para eliminar a posibilidade de que as empresas realicen despedimentos colectivos sen aprobación administrativa por parte da autoridade laboral e sen negociar coas partes, para evitar así o despedimento de máis de 800 traballadoras e traballadores de Alcoa en San Cibrao. 

“Necesitamos unha mudanza urxente deste aspecto concreto da reforma laboral para evitar que sexan as empresas as que podan despedir colectivamente de maneira unilateral”, apunta Rego, quen engadiu que “se se restaura o poder de supervisión e intermediación da administración no procedemento, garántase a posibilidade de buscar solucións alternativas á execución dun Expediente de Regulación de Emprego”.

Aínda que o BNG cre que a derrogación íntegra da reforma laboral segue sendo necesaria, considera prioritario que, de forma urxente, a través dos mecanismos pertinentes, se derroguen estas disposicións da reforma laboral, ao igual que se fixo con outros aspectos como o despedimento obxectivo por faltas de asistencia ao traballo, engade a formación nun comunicado

Comentarios