Cinco alcaldes piden cambios normativos para que o sector eólico deixe beneficios no rural

Os rexedores de Santa Comba, A Baña, Negreira, Outes e Mazaricos fan fronte común para reclamar un marco legal "máis xusto e sustentábel".

Os alcaldes da Baña, Mazaricos, Santa Comba, Negreira e Outes (Europa Press)
photo_camera Os alcaldes da Baña, Mazaricos, Santa Comba, Negreira e Outes (Europa Press)

Se hai uns días era o Observatorio Eólico da Galiza (Oega) quen presentaba un proxecto para que os contratos das empresas que instalan os parques non prexudiquen ás persoas propietarias das terras, agora varios alcaldes das comarcas da Barcala, Xallas e Noia van máis alá e uníronse para reclamar cambios normativos para que os beneficios das compañías de enerxía repercutan na súa veciñanza.

Os rexedores da Baña, Mazaricos, Negreira, Outes e Santa Comba entenden que o modelo actual fai que a poboación do rural soporte "en exclusiva" o impacto destes proxectos mentres os beneficios que permanecen no territorio "son mínimos".

Declaración conxunta

Nunha declaración conxunta rubricada polos alcaldes da Baña, José Antonio Pereira (PSOE); Mazaricos, Juan Blanco Riveiro (BNG); Negreira, Miguel Ángel Leis Míguez (PSOE); Outes, Manuel González (Compromiso); e Santa Comba, David Barbeira (Compromiso); advirten da existencia dunha “profunda preocupación" entre as veciñas e os veciños dos seus concellos ante o "elevado" número de proxectos eólicos previstos nos seus municipios.

"Esta preocupación ten unha vertente relacionada co impacto ambiental dos parques proxectados, varios deles nas proximidades de núcleos habitados e que ademais veñen a sumar aos xa existentes", sinala a declaración conxunta, na que sinalan a "escasa distancia mínima" con núcleos habitados que marca a lexislación (500 metros) e a "fragmentación" de proxectos que, en realidade, comparten infraestruturas, polo que "deberían" ser considerados un único parque.

Os rexedores tamén sinalan a vertente económica destes proxectos asentados no rural pero que non repercuten na veciñanza, algo que "non posibilita" a lexislación actual pois "ao contrario doutros países", no Estado español e na Galiza "non existen mecanismos que compensen a asimetría existente entre o poder de negociación de promotores eólicos e a veciñanza".

Ameaza de expropiación

No documento subliñan que nos procesos negociadores "sobrevoa" sempre a "ameaza" da expropiación, amparada pola declaración de interese público que conceden as administracións sobre os proxectos eólicos.

Aseguran que "é particularmente preocupante que só as propietarias e os propietarios dos terreos directamente afectados reciban algún tipo de compensación, en calquera caso insuficiente, mentres que o resto de veciños que soportan os custos ambientais non teñen ningún beneficio económico directo".

Por este motivo censuran que as poboacións rurais sexan as que "soporten en exclusiva" os custos ambientais da produción de enerxía eólica mentres os beneficios "son mínimos" para eles. Reclaman cambios normativos no marco que regula o sector eólico na Galiza para que os intereses do rural sexan "atendidos", tendo en conta que entenden que a eólica "pode ser fomentada sen atentar contra os intereses ambientais e socioeconómicos da contorna" onde se asenta.

Comentarios