Alcaldes de Ferrolterra, Eume e Ortegal demandan carga de traballo para os estaleiros de Navantia

Representantes dos comités de empresa avisan de que en menos de medio ano as instalacións da antiga Bazán van quedar sen ocupación.

RecursoNavantia1
photo_camera Grúas no estaleiro.

Os alcaldes de Ferrolterra, Eume e Ortegal mostraron o seu apoio, por unanimidade, á reclamación de carga de traballo e ocupación que os integrantes dos comités de empresa de Navantia Fene e Ferrol trasladaron aos rexedores nun encontro mantido no Concello de Ferrol.

No mesmo, pola parte laboral alertaron que en menos de medio ano as instalacións da antiga Bazán van quedar sen ningunha ocupación, unha vez abandone o estaleiro o segundo dos buques do tipo AOR que están a construír para a Armada de Australia, e até que se inicie o corte de chapa das futuras fragatas  F-110 para a Armada Española, previsto para 2022.

Mentres que no caso do estaleiro de Perlío, dedicado agora á construción de jackets e estruturas flotantes para a eólica mariña, a demanda céntrase no poder executar tamén proxectos máis ambiciosos, como subestacións para estes parques, que até o momento están a ser confiadas aos estaleiros da Baía de Cádiz.

En menos de medio ano as instalacións da antiga Bazán van quedar sen ningunha ocupación

Por parte do ámbito político os rexedores transmitiron que apoian estás demandas e destacaron que vinculado ao sector naval, ademais dos operarios da empresa principal, existen miles de postos de traballo en compañías auxiliares.

No encontro tamén se lles trasladou aos traballadores que xa cursaron unha petición de entrevista cos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica para tratar a situación dos dous centros de traballo situados en ambas as marxes da Ría de Ferrol.

Incidiron tamén en que o asunto será trasladado á Xunta.

Comentarios