Alcaldes exixen á Xunta unha implicación activa na defensa do sector lácteo

Rexedores e concelleiros dunha vintena de concellos reuníronse en Compostela para apoiar un ramo produtivo imprescindíbel para gran parte das comarcas do país. Anunciaron o apoio á mobilización do 17.

Alcaldes leite1
photo_camera Foto vía @rafiklalin

"Hai que poñer couto a esta debacle do noso sector lácteo. E despois, hai que poñer as medidas políticas necesarias para que o sector lácteo galego e o rural galego se recompoñan e poidan saír adiante". Así se expresou esta terza feira o alcalde de Boimorto, Xosé Luis Rivas, 'Mini' (BNG), após a xuntanza que reuniu en Compostela a rexedores e concelleir@s dunha vintena de concellos do país, como Lalín, San Sadurniño ou Vimianzo, entre outros.

Na reunión acordouse demandar da Xunta que se "molle" e tome as medidas necesarias para apoiar o sector lácteo, que está a atravesar unha forte crise que pon en risco de mantemento centos de explotacións e, con elas, a viabilidade do rural galego. O baixísimo prezo que se está a pagar polo leite galego é a principal preocupación. Por volta de 2.571 explotacións están a percibir a día de hoxe na Galiza prezos inferiores a 0,26 céntimos e arredor de 541, menos de 0,20€.

Os representantes municipais tamén acordaron apoiar a mobilización que esta quinta feira, 17 de xullo, decorrerá en Compostela convocada por diferentes sindicatos e agrupacións. A manifestación partirá ás 12:00 horas da explanada de Salgueiriños e demanda "prezos por riba dos custos de produción", así como que se garanta a recollida do leite e que haxa unha "mediación pública, eficaz e gratuíta nos contratos".

A reunión de Compostela é a continuación da realizada a semana pasada en Boimorto e que responde a aposta na creación dunha "fronte de concellos" na defensa do sector lácteo. O nacemento dunha Plataforma en defensa do sector lácteo galego, integrada por concellos, entidades, colectivos, sindicatos.., é unha mostra do amplo tecido que se está a mover na defensa deste sector.

Comentarios