Rafael Rodríguez Villarino, candidato do PSdeG á alcaldía de Ourense

"O alcalde preocupouse pola súa autoimaxe e desentendeuse dos problemas da cidadanía"

Rafael Villarino naceu en Ourense e é licenciado en Psicoloxía e doutor pola UVigo. Traballa como profesor na facultade de Ciencias da Educación do campus universitario da cidade das Burgas. É o secretario provincial do PSdeG e candidato á alcaldía de Ourense.

Rafa Villarino PSOE Ourense
photo_camera Rafael R. Villarino

Que supuxeron estes catro anos para o seu concello?

Foron catro anos de parálise, que conduciron a Ourense a un declive até o de agora descoñecido na cidade. A única cidade do Estado, xunto con Granada, que non aprobou os orzamentos durante todo o mandato, eliminando, en consecuencia, a realización de inversións.

O estado das rúas, parques, zonas de ocio, instalacións deportivas e, en xeral, todo o equipamento público amosa un evidente deterioro

A diferenza da urbe granadina, o goberno do PP de Ourense engadiu a ausencia de xestión municipal ao estancamento inversor, de xeito que o estado das rúas, parques, zonas de ocio, instalacións deportivas e, en xeral, todo o equipamento público amosan un evidente deterioro. Un deterioro que se estendeu á prestación de servizos públicos debido a unha pésima dirección de persoal e a imprevisión na reposición de efectivos.

 

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

O alcalde preocupouse pola súa autoimaxe e desentendeuse dos problemas da cidadanía. Neste senso, centrou o seu labor na aparición -en primeira persoa- nas redes sociais, así como no control dos comentarios e opinións críticas, que foron sancionados con celeridade. Mentres, a morea de reclamacións que tiveron entrada no consistorio polas vías formais e non públicas, por exemplo a través de escritos con ou sen rexistro, foron completamente desatendidas. En suma, primou o coidado da aparencia e desatendeu a realidade, previsibelmente porque resultaba máis fácil o primeiro que o segundo. Máis aló da irresponsabilidade deste xeito de actuar, e das gravísimas consecuencias que non parecen afectalo, o alcalde recorreu á táctica da vitimización como ferramenta de defensa, atribuíndo o brutal défice de inversións e de menoscabo de servizos á falta de colaboración da oposición.

Primou o coidado da aparencia e desatendeu a realidade

Tal argucia non pode sosterse indefinidamente, nin evadir de responsabilidade a quen representa a máxima autoridade municipal. Esta autoridade ten, por definición, o deber de atender a poboación, así como de asumir o défice que se lle causa a esta.

 

E o traballo realizado polo seu partido?

O PSdeG foi fiel ao seu ideario de partido, e mantivo unha liña de actuacións de orientación socialdemócrata e con talante de respecto institucional. Ademais, amosou a súa vontade de colaboración pública, sendo proba de iso a súa participación na elaboración dos orzamentos participativos que permitiron aprobar o denominado plan de obras que reclamaban as asociacións veciñais da cidade. Asemade, debe subliñarse o apoio que prestou a modificacións de crédito necesarias para o bo funcionamento do municipio. Máis aló deste estilo, sempre considerado, eficaz e competente, o grupo municipal dos socialistas de Ourense presentou innumerábeis iniciativas, xerando unha alta produción de mocións, algunhas das cales foron aprobadas mais nunca executadas.

Pódese concluír que o PSdeG tivo un digno papel no consistorio de Ourense

En suma, pódese concluír que o PSdeG tivo un digno papel no consistorio de Ourense, se ben non foi acompañado do cumprimento dos compromisos que os populares prometeron nas negociacións desenvolvidas ao longo do mandato.

 

Cal é a principal necesidade do seu concello?

Son innumerábeis as necesidades que precisa cubrir o concello, e atinxen o mantemento de zonas e a prestación de servizos públicos, a degradación da propia urbe e a ausencia de inversións causada por catros anos sen orzamentos municipais.

A entrada do PSOE no goberno central deu lugar a unha ola de optimismo na cidadanía de Ourense

Catro anos de abandono que se traducen en moitos máis anos de retroceso polo deterioro e a ausencia de avance. Todo iso revela una xestión nula que se asenta na ausencia de responsabilidade, proxectos e ambición dun alcalde e dun grupo municipal que non foron quen de defender a cidadanía nin de ofrecer posibilidades de desenvolvemento nin ilusión cara o futuro. Un grupo de goberno de escasas miras que fixo involucionar a terceira cidade de Galiza.

 

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?

Unha vez identificadas as eivas en canto a infraestruturas públicas, persoal e servizos, procederase a asignar recursos e fixar datas de logro de medidas urxentes que serán trasladadas ao persoal municipal e á cidadanía. Ao mesmo tempo, comezaranse a celebrar contactos coas administracións públicas provinciais, autonómicas e estatais, así como cos axentes sociais e coas entidades asociativas, que permitan deseñar a folla de ruta dos novos proxectos, particularmente dos concibidos como estratéxicos, co obxecto de recuperar a visión de futuro dunha poboación condenada á resignación polas forzas da dereita no consistorio, na deputación provincial, na Xunta e no goberno estatal.

A entrada do PSOE no goberno central deu lugar a unha ola de optimismo na cidadanía de Ourense, que foi a cidade onde o socialismo obtivo o mellor resultado de España, e esta ilusión será materializada polos socialistas na cidade cun novo estilo que devolverá a estima á capitalidade de Ourense.

Comentarios