A sentenza pode recorrerse

O alcalde de Cerceda, condenado a oito anos de inhabilitación

O rexedor de Cerceda, José García Liñares (PSOE), vén de ser condenado polo Xulgado do Penal número 2 da Coruña a oito anos de inhabilitación para desenvolver un emprego ou un cargo público por un delito de prevaricación relacionado coa adxudicación e a contratación dunhas obras.

[Imaxe: Radiocoruña, Cadena Ser] García Liñares
photo_camera [Imaxe: Radiocoruña, Cadena Ser] García Liñares

Oito anos de inhabilitación para emprego ou cargo público. Esta é a condena que vén de ditar o Xulgado do Penal número 2 da Coruña contra o alcalde de Cerceda, José García Liñares, do PSOE. A sentenza, dada a coñecer esta cuarta feira, advirte dun delito de prevaricación en relación á adxudicación e á contratación das lagoas do parque do Acevedo, unhas obras orzadas en 306.858 euros.

O fallo tamén afecta o arquitecto municipal, Antonio J. Varela, ao consideralo “cooperador necesario” e condénao a catro anos de inhabilitación para cargo e emprego público e a nove meses de suspensión no seu posto no Concello por falsidade en certificado.

As obras acometéronse, segundo a sentenza, por unha “orde verbal” do alcalde, a quen se lle acusa de “realizar a toda costa as obras antes das próximas eleccións [as municipais de 2015]”.

O primeiro fallo en relación a este procedemento ditouse en decembro do ano pasado e foi declarado nulo, debido á falta de imparcialidade, por un tribunal da Audiencia Provincial en abril de 2019. O 18 e 19 de xullo tivo lugar o novo xuízo oral.

A sentenza, que nada di do delito de fraude contra a administración que se solicitaba no procedemento –iniciado a raíz dunha denuncia do PP- foi ditada en primeira instancia, co cal, pode recorrerse ante a Audiencia Provincial.

Comentarios