Alberte Turnes Abelenda, economista

Alberte Turnes: "É máis que discutíbel que no Estado español se produza unha redistribución da renda moi profunda"

Alberte Turnes Abelenda, profesor da USC, doutorouse en Economía coa tese "A inserción da economía galega en España e na UE. Un estudo a través da balanza fiscal e dos fluxos comerciais e financeiros da Galiza co exterior". Membro do Grupo Icede, esta quinta feira 18 de febreiro realizará unha conferencia telemática no Ateneo Galeguista de Lugo
O profesor de Economía Aplicada, Alberte Turnes (USC)
photo_camera O profesor de Economía Aplicada, Alberte Turnes (USC)

Analizamos ben o estudo das balanzas fiscais?  

A balanza fiscal é unha ferramenta económica moi complexa que proporciona moita información orzamentaria e fiscal da que se fai un uso abusivo e "simplista" dos seus resultados. Son resultados en "bruto" que nos indican se achegamos máis ou menos recursos dos que recibimos por parte do Estado español. Para entendela en profundidade hai que mergullarse nela. Ten moitas partidas de gasto, que son de natureza diferentes e que responden a obxectivos de gasto distintos que mesmo teñen modelos de financiamento específicos. É o caso da Seguridade Social, unha conta á parte que se financia de forma específica. 

A nivel mediático, vén moi imposto polas perspectivas catalá e do Estado español, mais hai máis debates enriba da mesa. A Galiza interésalle, para interpretar o saldo fiscal, ir á análise doutras relacións que se producen entre territorios que aparecen nas balanzas fiscais. É interesante incorporar outras variábeis para logo dar respostas de cara a un novo concerto económico para a Galiza.

Como sería esa análise desde o punto de vista galego?

Sería unha análise do que nos interesa desde a posición económica da Galiza. Catalunya defende a súa balanza fiscal afirmando que pon moitos cartos enriba da mesa e interésalles dar un determinado dato. Desde o punto de vista estatal, o que din é que non achegan tanto diñeiro como expón e afirman que fan un proceso de redistribución da renda moi equitativo. 

Desde Galiza interésanos dicir que é máis que discutíbel que no Estado español se produza unha redistribución da renda moi profunda. Por outro lado, tamén é discutíbel que os territorios con máis renda fan máis achegas. Cando analizamos a converxencia no Estado vemos o caso de Madrid, que teoricamente sería o territorio que máis recursos achega ao sistema, e como é posíbel que teña déficits constantes moi elevados para soster o resto do Estado e que siga medrando para se converter na actualidade na primeira economía do Estado? Ten que haber outros mecanismos que actúen e compensen en gran medida esa achega que fan os territorios con máis renda. 

Serían eses fluxos interterritoriais ocultos?

Efectivamente. Hai outros fluxos que compensan esas achegas. Cando o Estado español leva a cabo determinados investimentos nos territorios realízanse a través de empresas privadas. Cando se constrúe unha infraestrutura como o AVE para Galiza, nós beneficiámonos dela como activo físico mais xéranse outros activos que tamén hai que coñecer.

É o caso dos beneficios que obtén a empresa, o imposto sobre o valor engadido (IVE), que se paga como obra pública, e os gastos xerais da empresa. Xéranse outros fluxos económicos que van parar ás sedes onde se sitúan esas empresas, principalmente en Madrid. Alí concéntrase un 90% das grandes construtoras de todas as infraestruturas do Estado español: ACS, Ferrovial, FCS, Acciona... Son mecanismos privados e de mercado que compensan as achegas que fan as arcas públicas. Por este motivo a converxencia non se acaba de producir e Madrid segue crecendo en maior medida que outros menos desenvolvidos. Acontece tamén a nivel europeo. Sería interesante saber dos fondos que se deseñaron e dos beneficios que sacan as empresas doutros países. 

Teríamos que recadar aquí eses impostos?

Se recadásemos, todo sería diferente. Xestionaríamos os nosos propios recursos, sería como o modelo vasco, que recadan e fan unha achega ao Estado español para determinados investimentos que levan a cabo ambas as Administracións. 

Temos aquí o caso dunha gran multinacional como Inditex...

O financiamento autonómico non participa do imposto de sociedades, que é totalmente estatal. Aínda así, a nosa economía caracterízase por empresas moi grandes como Inditex e por outras moi pequenas. A nós, desde a perspectiva dese imposto, interesaríanos contar con máis empresas medias como acontece en Eukadi.

É viábel un concerto económico para a Galiza?

Tecnicamente diría que non hai problema. É viábel. Como somos un territorio que temos unha renda inferior á media estatal deberiamos facer un maior esforzo fiscal do que estamos a facer agora mesmo para poder asumir o concerto. 

Politicamente sería complexo o concerto. Os Estados teñen dúas soberanías: a soberanía monetaria e a fiscal. A primeira, o Estado español perdeuna e, polo tanto, unha gran parte da segunda, que é moi limitada se engadimos a existencia dos paraísos fiscais.

Comentarios