Alberte Pereira: "Retratei a presenza e a ausencia a través de xente anónima e de paisaxes sen horizonte"

Chegou á fotografía nos anos 80, de maneira autodidacta e independente, pero como el mesmo di “foi a partir de 2012 cando realmente me implico”. A fotografía é “o que máis me enche” e descubriuno vendo sobre todo os profesionais americanos dos anos 30 do século XX. Agora, con décadas de traballo ás súas costas, o fotógrafo ten á venda o seu primeiro libro, Fragmentos, e ultima os detalles da súa próxima exposición na Galería Sargadelos de Vigo. 
autorretrato
photo_camera Alberte Pereira. / Nós Diario

Fragmentos é o seu primeiro foto-libro. Cóntenos como é.

Trátase dun traballo co que empecei en 2016, ao que lle quixen dar tempo de maduración, e no que traslado a miña visión sobre o desasosego que provoca a cidade contemporánea, a soidade que se vive nela... No foto-libro, naquelas fotografías nas que aparecen persoas, aínda que sempre están de costas e son anónimas, o que quero reflectir, realmente, é que non me interesa a identidade de ninguén senón demostrar que as urbes, e máis as grandes metrópoles, son un espazo hostil coa xente. Utilízase moito, no noso tempo, o termo ‘humanizar’ referido ás cidades, pero nelas o que vexo son, practicamente, zoombies que van polas rúas sen saudarse, sobre todo nas grandes cidades. Así, no libro hai dúas chaves, a presenza e a ausencia. A presenza das persoas e a ausencia, naquelas fotos nas que hai anacos de territorio, paisaxes sen horizonte onde non hai ninguén. Xogo tamén coa cor e coas formas. É un relato visual, un libro estético e emocional, que non ten unha narrativa en liña, porque non pretendo contar unha historia senón trasladar un discurso visual.

En outubro expón na Galería Sargadelos de Vigo. En que vai consistir a mostra?

Titúlase Ángulos mortos e responde á práctica de descubrimento coa que eu traballo. Se con Fragmentos falo de desasosego e soidade, aquí falo da cara B das cidades, por dicir dalgunha maneira. Trato, precisamente, o que non aparece nas guías turísticas. Atopamos espazos negativos, a cidade que se ve pero que non se mira... é unha especie de guía antiturística dunha cidade imaxinaria, porque non fotografo un único lugar, senón que son fotos feitas en diferentes localidades.

Que quere dicir coa 'práctica de descubrimento'? 

Gústame moitísimo perderme. Cando vou a unha cidade, non me interesa seguir unha guía turística, senón ir descubrindo recunchos. A mediados do século pasado, o chamado Movemento situacionista creou un método para descubrir as cidades indo á deriva, deixarse caer, perderse aínda que a cidade fose coñecida e ir descubríndoa de novo... Creaban o que chamaron mapas psicoxeográficos. Eu non fago iso exactamente, pero si uso ese método dalgunha maneira. Voume atopando coas imaxes, coas fotografías, sen andar á busca de nada en concreto.

Durante o confinamento participou no proxecto Miradas adentro.  

Foi un proxecto con outros 18 fotógrafos e fotógrafas de rúa ou documentalistas e tratábase de fotografar o confinamento, como nós o estabamos a vivir, con fotos por dentro da casa, se pasaba alguén por fóra... Aínda que o meu confinamento foi diferente ao da xente que vive nun piso na cidade, vivo nunha casa que ten case 4.000 metros de horta e froiteiras.

Que nos conta da súa achega no libro Street photographer?

Editouno un grupo de fotografía de Teherán, no Irán. Convidáronme a participar nesa obra colectiva xunto a outros 50 fotógrafos de todo o mundo. Para min foi especial porque hai, entre os fotógrafos do libro, xente de moito renome. Membros do colectivo InPublic, o primeiro colectivo de fotografía de rúa que houbo en Europa, hai obras de profesionais como Matt Stuart, Jesse Marlow, Gustavo Minas, Dimitri Mellos que formou parte do grupo de artistas Calle 35, o primeiro colectivo de foto de rúa no Estado español. 

Comentarios