Aitor Esteban demanda a Sánchez que "poña algo da súa parte" para o PNV votar si

O PNV é outra cousa. Non está "na dinámica de ERC e Bildu" nin Podemos fala por eles. Ese foi o recado que trasladou a Pedro Sánchez o portavoz da formación jeltzale, Aitor Esteban. O PNV vaise abster esta terza feira na primeira votación da sesión de investidura.
congreso
photo_camera Aitor Esteban

Esteban reprochou a Sánchez que acudise á sesión de investidura sen un acordo xa selado cos seus parceiros políticos. "Nós apresentámonos á investidura [no Parlamento vasco] cun acordo fechado con PSOE. Vostedes non", dixo.

O portavoz peneuvista non lle ve sentido aos apelos do candidato socialista ás bancadas de PP e Cs e, en troca, botou en falta que Sánchez apenas se empregase a fondo para "tentar seducir a Unidas Podemos".

Negou Aitor Esteban que o PSOE mantivese unha "interlocución ampla" co PNV. " En realidade, houbo tres reunións. Desde o día 8 non volvemos saber nada de nada", precisou o parlamentar jeltzale.

"Eu entendo que vostedes entenden que nós imos votar si. E, ben, terán que pór algo da súa parte para que o PNV vote que si [na votación definitiva esta quinta feira]. Nós non estamos na dinámica de ERC e Bildu. Podemos tampouco fala por nós. Teremos que ver que acordo alcanzan con Podemos...", estendeuse Esteban.

"Discrepo con vostede. PP e Cs si teñen algo que dicir", retrucou Sánchez, quen explicou que quixo pór a dereita española perante o espello para ver se teñen a suficiente responsabilidade institucional para non bloquear a situación política. Con todo, esclareceu que el xa escolleu socio. "Quero entenderme con Unidas Podemos. É o noso socio preferente. A ver se materializamos ese acordo para o consello de ministros".

Comentarios