Semanario

Aí vén o Xabarín: televisión para unha nova xeración

O fenómeno Xabarín foi un fito histórico da televisión galega e un referente para unha xeración enteira. Situouse na vangarda do audiovisual e descubriu todo un mundo de entretemento infantil e xuvenil moderno e de calidade. Actualmente, presta nome e imaxe a unha iniciativa popular que pretende chegar ao Parlamento para devolver o galego á mocidade a través de programación específica. Seguimos as pegadas do Xabarín e descubrimos o camiño ao futuro da televisión na nosa lingua.
xabarinclub
photo_camera Detalle da ilustración realizada por Kiko da Silva para a campaña da Mesa en defensa dunha canle en galego para crianzas e rapazada.

O Xabarín Club é unha desas cousas da vida que transcende os seus propios límites até non precisar presentación nin explicación. Só mencionalo activa a memoria colectiva dunha xeración que, a mediados dos anos 90, merendaba diariamente co porco bravo máis famoso da Galiza.

Na nosa mente proxéctanse lembranzas dos debuxos animados que acaparaban a nosa atención, das cancións que aprendemos a forza de karaoke e dos concursos telefónicos nos que se podía gañar ou perder cun simple "oink!".

O carné do club era a posesión máis apreciada e non había crianza que non agardase ver a súa fotografía en pantalla o día do seu aniversario. O Xabarín popularizou na Galiza a animación xaponesa e norteamericana con series míticas como As Bólas Máxicas, O doutor Slump, Doraemon, Capitán Planeta, As tartarugas mutantes ou Gatocán. E aínda houbo lugar para a produción propia, como o espazo Xabarín News ou a serie Os Vixilantes do Camiño.

Mais, sen dúbida, o prato forte eran as cancións da súa banda sonora, presentadas en videoclips protagonizados pola vangarda musical do país e parte do estranxeiro. Bandas representativas do rock bravú e da movida viguesa como Os Diplomáticos de Montealto, Siniestro Total, Os Resentidos, Aerolíneas Federales ou Heredeiros da Crus entretíñannos sen censura nin paternalismo, con mensaxes subversivas, moito humor e un gran respecto pola nosa intelixencia. Sen esquecer a ligazón co mundo da lusofonía da man dos Kussondulola, As Amarguinhas ou Despe e Siga, que nos descubriron o son internacional da nosa lingua.

A xénese do porco bravo

O programa naceu como "un encargo interno de produción propia para as tardes e fins de semana con contidos infantís e que tivese un club social, algo que existía nos clásicos como Disney e tamén noutras televisións autonómicas como a TV3", conta o xornalista e alma mater do Xabarín, Suso Iglesias.

O éxito do espazo explícao, en gran medida, por un contexto favorábel tanto a nivel audiovisual como cultural, artístico e lingüístico. "Era un bo momento para as televisións autonómicas, que levaban poucos anos de emisión, tiñan moito impulso e vivían un escenario menos competitivo", afirma Iglesias, "e nós tivemos a sorte de estar espertos para aproveitar a conxuntura".

Segundo o creador do Xabarín, un dos elementos fundamentais que lle deu continuidade e creou vínculo coa audiencia foi a propia idea de club social. Outro elemento chave foi a posibilidade de participación directa e interacción, que reforzou ese sentimento de pertenza. Os contidos, pola súa parte, "viñeron determinados pola liña habitual da cadea, que os obtiña a través das compras realizadas pola Federación de Televisións Autonómicas", explica.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 14 de novembro. Á venda nos quiosques. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes facerte asinante nesta ligazón]

Comentarios