A dupla nova de Agustín Fernández Paz: Premio Trasalba e "A viaxe de Gagarín" nas librarías

O escritor Agustín Fernández Paz suma o Trasalba ao seu amplo ronsel de premios que o recoñecen como un dos grandes nomes da historia literaria galega. O escritor recibirá o galardón na casa museo de Ramón Otero Pedrayo o próximo 29 de xuño mentres recibe os parabéns da súa nova novela, A viaxe de Gagarin. 

Agustín Fernández Paz
photo_camera Agustín Fernández Paz

O Fundación Otero Pedrayo escolleu ao escritor Agustín Fernández Paz para lle outorgar o Premio Trasalba 2014. A súa sólida e recoñecida traxectoria literaria, o compromiso inquebrantábel coa lingua e a súa participación activa nos movementos de renovación pedagóxica son algunhas das razóns que a entidade expón á hora de valorar o nome do autor como representante da cultura galega a homenaxear este ano na casa grande de Cimadevila, en Amoeiro, nun acto que terá lugar o vindeiro 29 de xuño. 

O Trasalba enriquece a longa listaxe de premios de Agustín Fernández Paz e que se compón, entre outros do Premio Merlín, Lazarillo, Ourense de Banda Deseñada, Edebe, Barco de Vapor, Martín Sarmiento, Xerais de Novela, Iberoamericano SM de Literatura Infantil, Anxel Casal, Losada Diéguez e o Premio Nacional de Literatura e varias veces o da Crítica, entre outros. Estivo tamén seleccionado en diversas ocasións na Lista de Honra do IBBY e recibiu o recoñecemento da AELG, Federación de Libreiros e Galix alén de ser doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, na relación inmensa á que compre engadir o aplauso de lectores e lectoras que fan de Fernández Paz o escritor máis recoñecido das letras galegas. 

Entre os seus múltiples títulos atópanse Contos por palabras (1991), Rapazas (1993); Trece anos de Branca (1994), Cartas de inverno (1995), O centro do labirinto (1997), Aire negro (2000), Noite de voraces sombras (2002), Tres pasos polo misterio (2004); Corredores de sombra (2006),  O único que queda é o amor (2007), Lúa do Senegal (2009), Non hai noite tan longa (2011), Fantasmas de luz (2011) ou o libro memorialísico O rastro que deixamos (2012). Coreano, árabe, chinés, italiano, inglés, bretón, español, catalán ou búlgaro son algunhas das linguas ás que se verteu a súa obra. 

O escritor e presidente de Galix, Francisco Castro será quen lea a laudatio do premiado nunha xornada na que se entregará un libro homenaxe sobre o autor coa súa traxectoria literaria e biográfica. 

O libro e a rede 

O premio Trasalba a Agustín Fernández Paz coincide coa chegada ás librarías da súa nova novela A viaxe de Gagarín, un libro especialmente agardado despois de que o propio autor fora anunciando na rede -onde ten unha dinámica actividade- algúns dos datos da súa nova aventura literaria que, desta volta, achega ao seu publico lector á histórica viaxe espacial nunha obra que é tamén recuperación da memoria da resistencia antifranquista. 

Mais a apaixonante historia da carreira espacial que entusiasmou a unha xeración de mozas e mozos non remata nas páxinas do libro. O escritor abriu o blog Gagarin -con data de caducidade que cifra entre vinte e vintecinco entradas- onde vai deitando textos arredor do proceso de documentación e as achegas informativas que foi atopando no proceso de preparación do libro. Non se trata, segundo explica, de reflexionar sobre o propio proceso creativo ou escribir arredor da propia novela senón dar a coñecer a información que manexou e compartila “en vez de deixala, coma outras veces, arquivada nunha carpeta do ordenador” escribe Fernández Paz na presentación do blog. 

“A viaxe de Gagarin é unha novela de formación que retrata o proceso de transición dun adolescente, fillo dunha familia antifranquista vencellada co mundo do libro (o seu pai é impresor, a súa nai libreira), no contexto da sociedade galega dos sesenta, anos aínda da ditadura de Franco, de represión e loita das liberdades, mais tamén de comezo da era espacial e da modernización das tecnoloxías domésticas, onde se produciron e xeraron cambios decisivos”, explica o editor Manuel Bragado no seu blog Brétemas a respecto da agardada novela de Fernández Paz que é tamén unha homenaxe “a toda unha xeración de militantes antifranquista, que sufriron a persecución e a tortura da Brigada Política Social, enfróntándose aos procesos do TOP.”

Comentarios