Agustín Fernández Paz, premio Facer País

O escritor Agustín Fernández Paz ven de ser recoñecido coa XI edición do Premio “Facer País- Ramón Piñeiro” que cada ano escolle unha persoa ou entidade que desenvolveran un labor relevante para o país.
Agustín Fernández Paz
photo_camera Agustín Fernández Paz

Un xurado integrado por asociacións escolleu a de Agustín Fernández Paz entre corenta e cinco candidaturas apresentadas. No escritor, ademais da súa recoñecida traxectoria literaria e o contributo á renovación pedagóxica valorou o seu “decidido compromiso con Galicia e a lingua galega”. A xenerosidade, o traballo, a solidariedade e o compromiso de Agustín Fernández Paz co futuro de Galiza son, máis unha vez, recoñecido por un xurado que provén do movemento asociativo de base, ámbito onde o escritor é moi querido e no que traballou e traballa, en especial, na promoción da cultura e a lingua galega.

O premio, organizado pola Asociación Cultural “Val de Láncara” será entregado no final do mes de outubro. O premio foi creado na memoria de Ramón Piñeiro, natural de Láncara e nas anteriores edicións destacou o labor desenvolvido por Isaac Díaz Pardo, Luís Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas, A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, Real Academia Galega e Mini e Mero.

Comentarios