BNG, EH Bildu e ERC apresentan a súa marca para as europeas en Compostela

"Agora Repúblicas é a Galeusca do século XXI"

Agora Repúblicas é a marca conxunta coa que concorrerán BNG, EH Bildu e ERC ás eleccións ao Parlamento europeu. As tres forzas farán tamén campaña propia, con lemas e identidade gráfica específicas, en cada un dos territorios. "Agora Repúblicas é a Galeusca do Século XXI", resumiu Ana Pontón. Interpelados pola imprensa por unha eventual incorporación de Anova á plataforma, EH Bildu e ERC remitíronse ao dito esta cuarta feira pola líder soberanista galega (basicamente que non hai proposta concreta que valorar). "O meu maior respeito á posición do Bloque", dixo Jon Juaristi.

FOTO  CANDIDATURA EUROPEAS
photo_camera Ana Miranda, Ana Pontón, Diana Riba e Josu Juaristi

Juaristi, candidato á reelección como eurodeputado por EH Bildu, puxo empeño en tentar esclarecer que a proposta de Arnaldo Otegio dirixente abertzale defende unha fórmula frentista aberta a soberanistas e esquerda autodeterminista española— non tiña a menor intención de "inmiscuírse nas cuestións de Galiza". "O meu maior respeito á posición do Bloque", dixo, unha frase que a efectos prácticos liquida a hipótese dun eventual enganche de Anova a esta candidatura das nacións sen estado.


Agora Repúblicas arrancou esta sexta feira cun acto en Compostela e sobre as distintas intervencións —Josu Juaristi por EH Bildu, Diana Riba por ERC, Ana Pontón e Ana Miranda polo BNG— pairou en todo momento a idea de que estamos perante un contexto político excepcional que require do maior grao de unidade posíbel das forzas políticas contrarias ao neoliberalismo e radicalmente antisfascistas.

A candidatura, explicouno nestes termos Ana Pontón, "é unha man tendida desde as nosas nacións ao conxunto de cidadáns e cidadás demócratas e progresistas do Estado español cos que compartimos valores, principios e soños".

En termos semellantes pronunciouse un Josu Juaristi, quen precisou —nun ton que evocaba o recente discurso de Arnaldo Otegui— que esta é unha alianza que fixa "un marco de coordenación e colaboración estábel, inclusivo e aberto a sumar". Por súa parte, Diana Riba formulou Agora Repúblicas como unha alternativa desde a esquerda transformadora ao "populismo autoritario". "Os nosos son tres proxectos políticos que defenden a liberdade e a democracia ante a regresión democrática dos poderes do Estado", dixo. "Facer un referendo non é delito, manifestarse non é delito, manifestarse non é un alzamento", engadiu.

"Dános visibilidade como nación"

Xa desde unha perspectiva estritamente nacional, a candidatura garantiría a Galiza "unha representación con capacidades reforzadas, sen supeditacións e cunha única lealdade: a que lle debemos á sociedade galega", afirmou Ana Pontón. "Dános visibilidade como nación", resumiu.

Por súa parte, a candidata á reelección como eurodeputada Ana Miranda ve "unha honra" facer parte dunha coalición "desde a que loitar contra o fascismo e en defensa sen fendas dos valores democráticos, dos nosos sectores produtivos e dos intereses dos galegos e das galegas".

Miranda ocupará a primeira praza do BNG na candidatura conxunta con EH Bildu e Esquerra, cuxa composición definitiva —e distribución de postos entre as distintas forzas— aínda está en proceso de conformación. Agora Repúblicas terá como cabeza de lista o líder independentista catalán e preso político Oriol Junqueras.

Comentarios