Tempo de agasallos para a xente miúda

Son tempos de agasallos. As cartas ao Apalpador, ou aos Reis no seu caso, veñen completas mais pode ser que moitos dos agasallos que penduran na nosa árbore non aparezan nos escritos.
Cartaz Xunta de Galiza
photo_camera Cartaz Xunta de Galiza

Nin saen na tele nin teñen un lugar de honra nos centros comerciais, mais non sería mal darlle algunha indicación á cativada para que anotase algún deles na súa carta de peticións.

A música pode ser unha boa sorpresa nestes días para gozar dela durante moito tempo. Ollos de mel, é o título dun canto de berce e tamén do terceiro disco e DVD do grupo Pirilampo, publicado pola AS-PG despois de Cancións para Antía e Abracadabras. Calquera dos tres sería unha estupenda sopresa que daría en moi boas horas de divertimento e aprendizaxe a través da música, máis a nova entrega mostra a calidade musical da proposta xunto coas posibilidades dos recursos dixitais para levar á música ás aulas. Coa acabada de saír Maria Fumaça, de Uxía e compañía, máis Bicos de música, de Mamá Cabra, temos outras dúas extraordinarias opcións para poñerlle banda sonora ás festas. Quen busque un encontro didáctico á clásica, As catro estacións de Vivaldi do catálogo de Kalandraka constitúen un singular achegamento a todas as artes. De Kalandraka, calquera libro do catálogo sería un estupendo agasallo. Saídos do forno están A Galiña Roxa ou Ocultos, ese marabilloso catálogo de seres que se agochan na natureza.

As imaxinativas e protestatarias camisetas de Ozoco son tamén unha boa opción nesa prenda que vén sempre canda o xoguete.

Para unha sorpresa máis útil do que se poida pensar, ese pequeno paquete que se chama Minilibros que permite ter un feixe de contos a man, na casa da avoa ou na viaxe de verán, se a houber! Coa imaxe da editorial, a roupa de casa K permitiralle á cativada vestir de conto, cos debuxos dos coñecidos personaxes deseñados por Óscar Villán. As imaxinativas e protestatarias camisetas de Ozoco son tamén unha boa opción nesa prenda que vén sempre canda o xoguete.
Para alegrar máis aínda un día feliz, Carabuñas e Seis Barbudos, da editorial Oqo, poñen lectura divertida para a noite despois da dos nervios. Como a xeración nova ten nas pantallas un forte punto de atención, Oqo ofrécenos a serie de animación audiovisual Os contos do camiño, as historias dos personaxes dos libros que pasaron á pantalla. Tres opcións con tres contos cada DVD. Cine de animación para ver coas crianzas, pelis de feitura nosa para todos os públicos!

Para que a xente máis nova se inicie na poesía, Yolanda Castaño acaba de publicar canda o ilustrador Xosé Tomás o libro Verdedades

Para que a xente máis nova se inicie na poesía, Yolanda Castaño acaba de publicar canda o ilustrador Xosé Tomás o libro Verdedades (Biblos) e se o que se adiviña é que o cómic é o xénero da persoa a quen agasallamos, Marcopola de Jacobo Fernández (Xerais) é unha boa proposta. Descenso a esquela, de Mircala (El Patito Editorial) para darlle un pequeno toque “gore” ao branco Nadal.  Con Arroces e Peixes acabados de saír do forno, vaise completando a colección para que as crianzas metan as mans na masa. O dos peixes sempre é boa recomendación, se veñen adubados de tan extraordinaria maneira que son quen de convencer @s máis aced@s deostador@s dos animais do mar en pratos infantís. Se á persoa de medio metro non lle interesa en exceso a cociña, ao mellor atopa maior comodidade construíndo figuras con papel, cos modelos que atopará en Papiroflexia. Iniciación e Papiroflexia. Animais de papel, que atoparemos no catálogo de Baía Edicións en que poderemos consultar tamén moitas outras sorpresas, de estoxos a clásicos adaptados.

Vén de estrearse tamén o xoguete interactivo A cidade de cenoiro, unha proposta de 3 a 6 anos que achega un xoguete didáctico na nosa lingua. As maquetas da empresa Wood Models de Outeiro de Rei propóñennos posibilidades para todas as idades, desde unha mosca até a Torre Eiffel. A bolsa de carboeiro convencerá con estes agasallos as crianzas máis esixentes e será, ao tempo, un contributo estupendo do Apalpador para as nosas industrias culturais. Se non están na carta, era bo facer unha indicación amigábel para que aparecesen. Serían presentes con moito futuro.

Máis en Okapi no Courel
Comentarios