Agasalla un libro en galego e unha flor polo Día de Rosalía

A AELG inicia unha campaña co gallo do aniversario da autora que "desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal".

rosalia

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este domingo unha homenaxe á figura de Rosalía de Castro no Panteón dos Galegos Ilustres, o acto central dunha semana chea de citas cara ao 24 de febreiro, fixado como aniversario do nacemento da autora galega. Agasallar un libro en galego e unha flor, entre outras moitas iniciativas para recordala.

“Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte”, sinalou a escritoria Ledicia Costas na lectura do manifesto.

“Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: son muller e son galega”, sinalou a escritora Ledicia Costas, a cargo do manifesto.

A AELG quere reivindicar así a figura de Rosalía que "desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal. A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais".

Unha homenaxe que se estenderá os próximos días por todo o país con lecturas públicas da súa obra baixo o lema #RosalíaTe. Unha campaña co gallo do seu aniversario á que se uniron decenas de escolas e concellos galegos.

 

Comentarios