Na pasada convocatoria de axudas a festivais de cinema quedaron fóra cinco eventos (o Festival de Cans, Curtocircuíto, Cineuropa, FKM e Primavera do Cine de Vigo) por mor dos problemas da plataforma electrónica que, por primeira vez, era de uso obrigatorio e exclusivo.
Segundo afirma AGADIC nun comunicado inzado de detalles técnicos, comprobaron que "só un dos cinco inadmitidos na convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais (Festival Primavera do Cine) intentou facer o rexistro telemático obrigatorio. Así figura no informe solicitado a Amtega, segundo o que nos casos do Festival de Cans, Curtocircuíto, Cineuropa e FKM non aparece rastro dixital ningún. Tampouco consta ningunha incidencia aberta para estes procedementos no servizo de soporte técnico dispoñible 24 horas ([email protected]), nin os solicitantes se dirixiron á Agadic para comunicar ningún problema nese sentido".
En definitiva, defende AGADIC, "o feito de que estes festivais non foran admitidos non responde a ningunha decisión unilateral nin arbitraria. Tampouco se pode falar dun defecto de forma, senón do incumprimento das bases respecto á obrigatoriedade da presentación telemática para as persoas xurídicas".