Opinión

África $ Brasil

 

As cinco colonias africanas de expresión portuguesa, en súa historia e literatura, estiveron e continúan estando máis perto do Brasil que de Portugal. Moitas das decisións que tomaban os portugueses sobre as súas colonias no continente africano facíanse desde o Brasil. Unha burguesía comercial e intelectualizada pesaba máis nas decisións de calquera tema que o propio Terreiro do Paço en Lisboa. Poñamos como referencia ao bispo de São Paulo de Luanda que estaba supeditado á prelatura de Bahia no Brasil, e non ao patriarcado de Lisboa. Ese vencello cultural e, tamén, literario maniféstase hoxe nun seguimento especial de estudosos universitarios que, con frecuencia, estudan as novas literaturas dos PALOP [ Países Africanos de Língua Oficial Portuguesa], desde o Brasil. Poucas son as universidades brasileiras que non impartan aulas sobre estas literaturas e, en moitos casos, son pioneiras de extraordinarias investigacións e publicacións que en moitos destes países africanos sería imposíbel impulsalas por falta de certas infraestruturas.

 

África & Brasil: Letras em Laços é un libro de Atlántica Editora de São Paulo, cuxas organizadoras son Maria do Carmo Sepúlveda e Maria Teresa Salgado. As dúas recompilaron 18 traballos de critica sobre outros tantos autores africanos de lingua portuguesa. Veñen da mao de especialistas de literatura africana de diversas Universidades e centros pedagóxicos do Brasil. Unha destas especialistas é Laura Cavalcante Padilha, profesora de Literatura Portuguesa e Africana na UFF, que foi a encargada da presentación deste libro. Ela é unha autoridade no mundo da investigación sobre as literaturas africanas de expresión portuguesa. A introdución do volume, de máis de 25 páxinas, é da autoría de Russel Hamilton, catedrático da Universidade de Vanderbilt (USA) e un dos grandes especialistas da literatura brasileira e africana.

 

Non é fácil entrar de cheo nesas referencias que se amontoan no imaxinario e na emoción de quen as estuda. Un traballo que non resultou fácil para as dúas organizadoras, nese acceso de chegar aos escritores africanos de expresión lusófona e valorizar as súas obras dunha maneira ben distinta a como se valoriza nos países de orixe de cada escritor. Falamos dun traballo impagábel, consistente e, sobre todo, feito con amor, paixón e pragmatismo, que leva anos publicado e aínda serve de continua referencia para ollar contundentes puntos de partida que os escritores africanos consolidaron. Todo un manual, por non dicir un libro de cabeceira, que con 18 autores investigados sae dos límites tradicionais a que moitos traballos de recensión ou de crítica, deses de moita escrita e de pouco estímulo.

 

Nese mosaico tan heteroxéneo no que se enmarcan os cinco países africanos de lingua oficial portuguesa ten un valor para os estudosos da literatura destes países detectar a diversidade e a prioridade temática que eles establecen. Digamos que só teñen en común a lingua portuguesa, e isto non sempre. As diversas expresións teñen un acelerador desigual, un enmarque e unha connotación moi diferenciada entre os cinco. Estas literaturas están moi supeditadas a moitos modelos de vivencias desiguais entre os cinco ordes, polo que non podemos connotar unha literatura fixada nun só parámetro. Os autores destas literaturas foron e son protagonistas directos e capaces de resolver unha serie de temarios existenciais, baseados en vivencias reais que levaron ao campo da ficción, creando así a sobranceira obra de cada un deles en seus diversos países. Digamos que en África hai máis realidade que ficción que se expresa en moitas obras literarias  a súa propia particularidade. Neste caso, pode que o lector occidental interprete estas realidades ao revés, ou encadre estes 18 escritores no parámetro de seus propios gustos e preferencias, inclusive de seus vicios de someter un espazo literario ben diverso e diferente ao que marcan os canons da literatura occidental.

  

Comentarios