Un AFondo para abrir o debate arredor da UE

Esta semana preguntámonos que supón a UE para Galiza nun caderno monográfico en que analizamos as consecuencias económicas, sociais e políticas que tivo para o país a súa incorporación hai 27 anos á Comunidade Económica Europea (CEE) após asinar o Estado español a súa Acta de Adhesión en 1986. 

capa (1)

Coordenado por Xabier P. Igrexas publicamos un AFondo arredor do proceso de construción europea e das consecuencias que este, tivo e está a ter para Galiza. Aliás, analizamos como o actual marco de crise e a radicalización das políticas neoliberais ditadas desde Bruxelas reabren o debate a respeito dunha eventual saída do euro e mesmo da propia Unión Europeo. 

Nunha extensa entrevista conversamos co economista Bernardo Valdês. Con el abordamos os graves efectos das políticas anti-sociais impulsadas pola Troika; as repercusións que a entrada de Galiza na CEE tivo para os nosos sectores produtivos ou o papel que xoga a moeda única na actual situación económica, social e política. 

Para Valdês fica claro que "as políticas da Troika son máis unha mostra do submetimento da UE aos intereses do capital" e que desde a entrada da Galiza na UE "a nosa economía perdeu peso de forma significativa", no concreto medio millón de postos de traballo". Para o profesor universitario a Unión Europea "marxina as nacións da periferia" como Galiza. Unha realidade inherente ao seu AND constitucional. 

Conversamos co economista Bernardo Valdês arredor das consecuencias económicas que para Galiza tivo a adhesión á UE

Mais non só Galiza está a sofrir as consecuencias do proceso de integración europea. Da man de Pedro Carvalho, achegámonos ao exemplo portugués. O país veciño está a dar boa conta dos obxectivos reais que se agochan tras da pregoada "política de austeridade" europea. Medidas que visan expropiar as rendas do traballo, aumentar a taxa de explotación e restauraren a rendibilidade do capital fronte os intereses das clases populares. Pedro Carvalho afirma con rotundidade que estas non son "políticas erradas" como se puider pensar ao abeiro dos resultados, senón "deliberadas". 

Tamén así, deitamos algo de luz sobre o Tratado de libre comercio que negocian a UE e os EUA. Un acordo que se está a desenvolver entre un importante escurantismo mais que foi definido pola propia Angela Merkel como "esencial". Coa axuda do director da Fundación Moncho Reboiras, Manuel Mera, debullamos algúns dos puntos chaves deste pacto entre os dous bloques económicos. 

Así mesmo, achegámosvos unha cronoloxía crítica do proceso de construción europea desde os precursores ideolóxicos alá polos anos 20 até a súa entrada en crise a mediados da década dos '70. 

Un caderno para a reflexión e o debate que xa pode ser teu na nosa loxa

Comentarios