Galiza lidera o crecemento da afiliación estranxeira en 2019

O número de traballadoras estranxeiras situose de media en 39.575 na Galiza o pasado ano, 10,4% máis que en 2018.
Traballadores construción (arquivo).
photo_camera Traballadores construción (arquivo).

A afiliación estranxeira medrou con forza en 2019 na Galiza. O ano fechou cunha media de 39.575 afiliadas estranxeiras, após gañar 3.734 entre xaneiro e decembro, o que supón  10,4% máis que no mesmo período do exercicio anterior, segundo os datos publicados onte pola Seguridade Social.

O incremento de traballadoras estranxeiras na Galiza é especialmente relevante se se compara co resto de territorios do Estado español, onde a media se sitúa en 6,63%, case catro puntos por baixo da galega. De feito, Galiza lidera os incrementos, seguida de Euskadi (9,75%) e Nafarroa (9,38%). Con todo, en comparación co mes anterior, en decembro pérdense 391 afiliados (-0,98%), unha baixada que contrasta coa lixeira subida rexistrada na media estatal (+0,07%).

A distribución por réximes é de 31.415 no xeneral (27.087 no subtipo xeral, 1.150 no agrario e 3.178 no fogar), 6.910 autónomas e 1.250 no do mar. Do total, 22.204 son homes e 17.370 son mulleres. Así mesmo, en relación á súa orixe, 16.202 proceden de países da Unión Europea, con Portugal no primeiro posto, mentres que 23.373 son de fóra da Unión. Neste caso, con Venezuela liderando a listaxe. 

Datos estatais 

No conxunto estatal, a Seguridade Social gañou en 2019 de media 132.133 traballadoras estranxeiras, o que sitúa o número de inmigrantes en alta no máximo histórico de 2.124.982 ocupados. Do total de inmigrantes en alta ao finalizar o ano pasado, 1.774.759 cotizaban no Réxime Xeral; 346.375 en Autónomos; 3.806 no Réxime do Mar, e 41 no do Carbón. Os grupos máis numerosos proceden de Romanía (341.530), Marrocos (268.239), Italia (126.151) e China (108.945). Séguenlles  Colombia (75.427), Ecuador (72.908), Reino Unido (68.472), Venezuela (66.901) e Bulgaria (59.970).

Comentarios