Os aeroportos galegos perden en marzo 60% da pasaxe

Nos aeroportos de Alvedro e Peinador os voos só operan baixo demanda.
Interior da terminal do aeroporto Rosalía de Castro de Compostela (AENA)
photo_camera Interior da terminal do aeroporto Rosalía de Castro de Compostela (AENA)

Os aeroportos galegos, como era de esperar, rexistraron o peor mes de marzo en décadas no que a tráfico de viaxeiros se refire. Polas terminais de Alvedro, Peinador e Lavacolla, rebautizada como Rosalía de Castro, pasaron 151.220 persoas o pasado mes, o que representa un descenso superior a 60% respecto ao mesmo período do ano anterior, segundo os datos facilitados onte polo xestor aeroportuario Aena.

No caso do aeroporto compostelán, o de maior tráfico da Galiza, a caída rexistrada en marzo foi de 63,2%, cun total de 77.934 viaxeiras transportadas. Peor parado saíu o de Vigo, con 66% de baixada e só 28.811 pasaxeiros. Por último, pola terminal coruñesa de Alvedro pasaron en marzo 44.475 persoas o que supón 59,1% menos que no mesmo mes de 2019.

Os malos datos de marzo cortan a tendencia á alza que estaban a experimentar os aeroportos de Alvedro e Rosalía de Castro, non así o de Peinador, que desde o plante de Ryanair ao Concello de Vigo sumaba varios meses en negativo.

A caída de marzo tamén tingue de vermello as cifras do acumulado do ano, que apuntaban un novo récord histórico tanto no Rosalía de Castro como en Alvedro. Após a caída de tráfico do pasado mes, a terminal compostelá queda con 433.057 usuarias no primeiro trimestre do ano, 22% menos que nos tres primeiros meses de 2019. No caso do aeródromo coruñés, o descenso é de 12,6%, xa que pasaron polas súas instalacións 254.231 pasaxeiras. En Peinador, a caída é moito máis acusada, de 30,4%, só superada na rede de aeroportos de Aena polo de Xerez (35,7%). Entre xaneiro e marzo atravesaron a terminal viguesa un total de 158.691 persoas.

Baixo demanda

As cifras de Alvedro e Peinador poden empeorar no mes de abril, xa que o xestor aeroportuario Aena decidiu limitar a operatividade en ambas as terminais, deixando a competencia de voos que non sexan esenciais en función de se hai demanda ou non. Esta decisión supón, na práctica, o feche destes aeroportos, o que deixa ao aeroporto Rosalía de Castro como o único plenamente operativo da Galiza. Aínda así, a situación tardará en normalizarse e será difícil para as tres terminais, especialmente para Vigo, rematar o ano en positivo.

Comentarios