A AELG promove a literatura galega en Colombia

Será no marco da Feria Internacional del Libro del Eje Cafetero, unha das máis relevantes de Colombia, na cidade de Pereira.

 

 

cesáreo
photo_camera Cesáreo Sánchez Iglesias.

A Feria Internacional del Libro de Pereira-Eje Cafetero é unha iniciativa impulsada por varias institucións culturais e empresariais do Departamento de Caldas, en Colombia, á que foi convidado Cesáreo Sánchez Iglesias en calidade de presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), entidade que desenvolverá un programa de actividades destinado a difundir a literatura galega no exterior.

A presenza de Sánchez Iglesias na Feira "permitirá definir, conxuntamente con axentes culturais de Colombia, estratexias para facilitar o coñecemento da literatura galega entre o alumnado dos diversos niveis educativos dese Departamento", explica a AELG nun comunicado de prensa, "ao tempo que tamén participará en diversos actos enfocados á difusión da nosa literatura no marco da Feira do Libro".

Autor dunha extensa obra poética que comeza en 1978 con Silencios e conversas de inverno (Editorial Celta, Lugo) e que abrangue até a súa última achega, As bolboretas do Mekong (Xerais, 2018), Cesáreo Sánchez Iglesias é, ademais, activista cultural, impulsor de numerosas iniciativas pola literatura e a lingua galegas e presidente da AELG. 

Nos últimos anos, "o territorio de Caldas iniciou con Galiza uns vínculos activos en materia cultural, afianzados pola irmandade entre o Concello de Caldas de Reis e o municipio de Villamaría, no propio Departamento de Caldas", cuxo nome fai honra á figura de Francisco José de Caldas (1768-1816), científico ilustrado autodidacta e polifacético, nomeado hai tres anos Fillo Adoptivo do Concello de Caldas de Reis por ser o seu orixinario desta vila galega.

Francisco José de Caldas, coñecido como o "Sabio Caldas", preséntase como unha figura fundamental no desenvolvemento científico do Estado americano e tamén como un prócer da independencia de Colombia en 1819. Foi executado uns anos antes, na chamada "reconquista" dese territorio polo Exército español. Licenciado en Dereito, exerceu de botánico, astrónomo, físico, xeógrafo, cartógrafo, enxeñeiro militar e editor da revista de divulgación científica Semanario del Nuevo Reino de Granada. No Ecuador estudou case 5.000 plantas, levantou planos de moitos territorios e dirixiu o primeiro Observatorio Astronómico de América, o de Santa Fe de Bogotá. O seu traballo como editor, aínda que breve, tamén foi moi destacábel.

Comentarios