Asemblea Xeral

A AELG premiará Helena Villar Janeiro, Dolores Macías Pose, Mini e Mero e Pere Gimferrer

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) realizou o sábado a súa Asemblea Xeral de Socios e Socias, que acordou premiar Dolores Macías Pose e Mini e Mero co recoñecemento Mestres/as da Memoria; Pere Gimferrer co Escritor Galego Universal e Helena Villar con Escritora na súa Terra-Letra E.

Helena_Villar_(AELG)-2
photo_camera [Imaxe: AELG] Helena Villar

A Asemblea Xeral da AELG, que tivo lugar este sábado, acordou outorgar os galardóns de 2016 que se entregarán nos vindeiros meses. Así, decidiu premiar Dolores Macías Pose e Mini e Mero co galardón Mestres/as da Memoria 2016, que se entrgará na I Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria o 19 de marzo en Lugo.

Ademais, a AELG aprobou concederlle a Pere Gimferrer o premio Escritor Galego Universal, que lle será entregado na I Gala do Libro Galego o 14 de maio en Compostela. Ademais, acordou que Helena Villar Janeiro sexa a próxima Escritora na súa Terra-Letra E, nunha gala que este ano chegará á súa vixésimo segunda edición e que terá lugar no mes de xuño no Concello de Rianxo-

A Asemblea Xeral tamén aprobou o programa de actividades para este ano, que comprende a celebración do Día de Rosalía, os paseos literarios, os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores e a organización de xornadas de formación. Reforzarase este ano o proxecto coordinado pola Sección de Literatura de Tradición Oral coa celebración da Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria, das polafias e dunha nova edición da Xornada de literatura de tradición oral.

Entre outros puntos, a AELG acordou incorporar tres novas vogalías no Consello Directivo, as de Ledicia Costas por Vigo, Ramiro Torres como responsábel de comunicación e Afonso Becerra como vogal de literatura dramática. Precisamente, a respeito da literatura dramática, a AELG anunciou a creación dunha sección propia e confirmou a súa participación activa na plataforma Seguir creando.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios