Denúnciao o Comité de empresa

A adxudicataria do estilismo da CRTVG ameaza con sancións o persoal por non identificarse en castelán

O comité de empresa remitiulle un escrito á dirección do ente público exixindo o cese desta actitude.

crtvgBOA

O comité de empresa Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) entregoulle esta sexta feria, a proposta da CIG, un escrito á dirección da canle pública reclamando “o cesamento das amezas de sanción dos responsábeis da nova empresa adxudicataria do servizo de estilismo, Acicala Estilismo, ás súas traballadoras por non poñer en lugar visíbel as identificacións facilitadas e que están escritas en castelán”.

Segundo denuncian dende a representación dos traballadores, estas identificacións incumpren o artigo 6 da Lei dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galiza, que establece que a lingua da CRTVG é o galego e que as comunicacións efectuadas ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas teñen que ser en lingua galega.

As ameazas prodúcense, denuncia o comité, após as queixas que Acicala Estilismo di ter recibido por parte do coordinador de Seguridade e Saúde Laboral da CRTVG, que esixe a identificación no posto de traballo deste persoal, “cando non existe o mesmo requirimento no caso dos empregados/as doutras contratas que prestan servizo no centro de traballo da CRTVG en San Marcos”.

A empresa Acicala Estilismo fíxose recentemente co servizo de estilismo após un conflito laboral en protesta polas débedas salariais que acumulaba a anterior compañía concesionaria, New Model’s.

Comentarios