RESULTADOS SEMESTRAIS

Adolfo Domínguez mellora os seus números vermellos e eleva as vendas 7,3%

A firma téxtil rexistrou unhas perdas de 1,8 millóns de euros no primeiro semestre, pero mellora 35,9% as cifras do mesmo período do ano anterior.

Adolfo Domínguez moda
photo_camera Adolfo Domínguez mellorou as súas vendas en todos os mercados. [Imaxe: Adolfo Domínguez]

A firma de moda galega Adolfo Domínguez segue a recortar os seus números vermellos. Así, a firma capitaneada por Adriana Domínguez logrou mellorar o resultado de 2018 en 35,9%, ata situar as perdas en 1,8 millóns de euros no seu primeiro semestre fiscal, que vai de marzo a agosto, segundo figura nos datos remitidos pola compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

A boa marcha do negocio ten que ver coa mellora das vendas comparables, que subiron 7,3% e encadean tres exercicios consecutivos crecendo no primeiro semestre do ano, en fano ademais en todos os mercados nos que opera a compañía. A facturación total situouse en 52,5 millóns de euros, 0,9% máis.

Antonio Ponte, director xeral, explicou que este bo comportamento das vendas “permite asimilar a redución da superficie comercial xerada após a fusión das marcas”. “A selección de aperturas, peches e recolocacións en todo o mundo, as eficiencias na xestión e o control dos gastos operativos permitíronnos mellorar a rendibilidade na rede comercial, e isto vese reflectido no Ebitda e no resultado neto operativo” (3,3 millóns de euros, o mellor en nove anos), apuntou Ponte.  

Ao feche de semestre, Adolfo Domínguez contaba con 386 puntos de venda repartidos por 22 países, 52% da rede comercial da firma téxtil fóra de España.

Comentarios