Adolfo Domínguez fecha tendas e activa un ERTE para 728 traballadoras

A firma de moda galega fecha as 188 tendas físicas que ten no territorio español e reforza as vendas na rede.
Adriana Domínguez, conselleira delegada de Adolfo Domínguez (Miguel Riopa)
photo_camera Adriana Domínguez, conselleira delegada de Adolfo Domínguez (Miguel Riopa)

Adolfo Domínguez finalmente optou por botar man das tesoiras. A firma galega de moda vén de anunciar o feche das súas tendas físicas no territorio español e a activación dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) para as 728 traballadoras dos seus puntos de venda físicos.

O ERTE presentado pola firma capitaneada por Adriana Domínguez dará cobertura aos empregados das 188 tendas que Adolfo Domínguez ten no Estado español e que representan 61% do total de empregadas do grupo. Estará en vigor até o vindeiro mes de maio, en caso de que o feche dos puntos de venda polo coronavirus teña que prolongarse no tempo, apuntan desde a compañía nun comunicado.

"A protección das nosas clientas e profesionais é a nosa máxima prioridade. Reforzamos áreas que nos permiten ser o máis rendíbel posíbel até que poidamos reabrir as nosas tendas e volver á actividade habitual", destacou o director xeral de Adolfo Domínguez, Antonio Puente.

O regulamento afecta só a empregadas do territorio español, se ben a compañía xa se viu obrigada a fechar tendas propias e franquías noutros países como a China, Francia, Perú e Kuwait.

Aposta no canal 'online'

Pero o feche de tendas non para a actividade de Adolfo Domínguez. A compañía anunciou o reforzamento da súa canle de  venda 'online' para garantir a entrega de pedidos ás súas clientas. Neste senso, a marca anunciou que está a optimizar a actividade do seu centro loxístico en San Cibrao das Viñas para garantir a correcta prestación deste servizo, ao tempo que impulsa a venda telefónica.

Desta forma, o comercio electrónico e a atención aos mercados internacionais convértese no principal obxectivo de todas as profesionais de servizos centrais da firma, 54% dos cales están a teletraballar até que se dea por finalizado o período de feche dos estabelecementos.

Comentarios