As Administracións non pensan nacionalizar Alcoa e a empresa négase a vender a factoría

O mesmo día da reunión persoal de Alcoa realizou accións de protesta diante da factoría en San Cibrao, Cervo (Carlos Castro/ Europa Press)
photo_camera O mesmo día da reunión persoal de Alcoa realizou accións de protesta diante da factoría en San Cibrao, Cervo (Carlos Castro/ Europa Press)

A reunión multilateral decorrida  a pasada terza feira entre Alcoa, comité de empresa, e os Gobernos español e galego rematou coas posturas inamovíbeis das partes. Alcoa segue a pedir unha tarifa competitiva e estábel no tempo e negando a posibilidade de vender as factorías. As administracións asegurando que a tarifa non é problema, coa proposta de que o estatuto das industrias electrointensivas sairía en dúas semanas, mais co compromiso previo da multinacional de presentar un plan industrial e retirar o expediente de regulación de emprego (ERE). "Ningún dos dous se fían da palabra do outro pois non son de fiar", resumían nun comunicado desde o comité de empresa.

O Goberno español non pensa en nacionalizar

O secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, criticou onte na Radio Galega a actitude de Alcoa de querer deixar Cervo "como fixo en Ferndale (Washington), unha planta na que anunciou conversas e acabou con 700 despedimentos". Defendeu a postura do Goberno español de que "se había un plan industrial" as Administracións traballarían xuntas para obter un prezo razoábel da enerxía, "mais a Alcoa dáballe o mesmo". En relación a unha posíbel nacionalización afirmou que "se hai un proxecto industrial viábel pódese estudar o papel que poden ter o Estado e a Xunta" mais "sen el non ten sentido, non imos intervir unhas instalacións fechadas". 

A Xunta teima en botar as culpas ao Goberno español

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, non achegou ningunha proposta concreta por parte da Xunta. Ao remate da reunión limitouse a lamentar nun comunicado que o Goberno español "siga sen fixar un prezo eléctrico que garanta o mantemento do emprego en San Cibrao". Advirte de que a mesa de traballo rematou sen saber como se estabelecerá un prezo eléctrico competitivo en igualdade de condicións con outros países europeos.

A CIG introduce a cuestión das auxiliares

Ao termo do encontro, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio  Zan (CCOO), censurou que "o problema" é que Alcoa "di que calquera marco que lles poñan non lle serve e tampouco entra a valorar unha posíbel venda". Segundo entenden desde o comité "non quere saber nada de venda", lamenta. 

A CIG informou nun comunicado que na reunión "reiteroulle á empresa que retire a súa proposta de despedimentos e feche da fábrica de aluminio e aos Gobernos español e galego celeridade na aprobación de medidas para crear unha tarifa industrial competitiva. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reclamou de Alcoa que aclare se acepta a mesa multilateral como o marco onde traballar na resolución das causas motivan o seu plan de recortes. Na reunión pediulle ao conselleiro de Industria que indique que medidas concretas e que posibilidade de acción ten no ámbito das súas competencias para evitar este golpe ao emprego. Ademais introduciu na reunión a problemática específica do persoal das auxiliares, que non ten vía de expresión na mesa montada por Alcoa.

A multinacional no seu mellor momento en Bolsa

A situación das factorías de Alcoa en Cervo e Avilés dista moito da situación financeira da propia multinacional norteamericana. Na bolsa de Nova York aumentou a súa cotización 95% nas tres últimas semanas. Coa pandemia de fondo pasou de estar en 6,66 dólares no pasado 15 de maio até 12,98 dólares. A propia Alcoa anunciou que agarda que a demanda de aluminio se recuperase no segundo semestre do 2020.

Comentarios