Adib, ex embaixador do Líbano en Alemaña, novo primeiro ministro

o presidente libanés, Michel Aoun, defendeu nun discurso dirixido ao país impulsar un proceso de reforma política que poña fin o sistema político confesional ─que reparte os cargos en función da relixión─.
EuropaPress_3294579_31_august_2020_lebanon_baabda_lebanese_newly-designated_prime_minister
photo_camera O novo primeiro ministro do Líbano, o diplomático Mustafá Adib (Marwan Naamani / dpa)

O diplomático Mustafá Adib foi designado onte novo primeiro ministro do Líbano polo Parlamento, tres semanas despois de o Goberno de Hasan Diab presentar a dimisión en bloque. Esta produciuse logo da explosión no porto de Beirut que sacudiu o país, no medio dunha das peores crises na súa historia, e que deixou case 200 mortos, dous barrios da capital libanesa arrasados e varias semanas de intensas protestas contra o Goberno.

Adib, embaixador do Líbano en Alemaña desde 2013, contou con 90 dos 119 votos emitidos e recibiu o apoio dos principais bloques políticos do país, desde partidos sunnitas, como o do ex primeiro ministro Saad Hariri, a Hezbolá e o Movemento Amal. 

A designación de Adib como novo primeiro ministro faise sen pasar polas urnas, un trámite que non é necesario malia a dimisión en bloque do anterior Executivo, sempre e cando si o novo primeiro ministro conte coa aprobación do Parlamento, tal e como aconteceu onte.

"É hora de traballar para coordinar e unir esforzos, co fin de restaurar a esperanza entre os libaneses", declarou Adib tras se coñecer a noticia. "Pola graza de Deus Todopoderoso, agardamos ter éxito na elección de profesionais con probada experiencia e eficiencia para desenvolver as reformas financeiras e económicas necesarias" no país, engadiu.

Sobre o case descoñecido Mustafá Adib pesa agora o labor de elixir un Goberno que contente tanto os complicados equilibrios de poder e faccións característico da política libanesa, como unha moi descontenta poboación, que, encirrada pola dramática destrución de dous barrios da súas capital tras as explosións no porto, acusa as autoridades de corrupción endémica e incapacidade de xestionar a pesada crise económica e social que atravesa o país.

Sistema confesional

Horas antes da decisión parlamentaria, o presidente libanés, Michel Aoun, defendeu nun discurso dirixido ao país impulsar un proceso de reforma política que poña fin o sistema político confesional ─que reparte os cargos en función da relixión─. "O actual sistema confesional xa non serve e converteuse nun obstáculo ante calquera progreso ou reforma", apuntou o mandatario na súa intervención.

"Hai que mellorar, emendar e mudar o sistema libanés. Líbano necesita un novo enfoque de xestión que se debe basear na cidadanía e na natureza civil do Estado", argumentou, polo que defendeu declarar un "Estado laico" con "diálogo entre líderes relixiosos e políticos para lograr estes cambios constitucionais".

Comentarios