O 155 sobreviviu unhas horas ao Goberno Rajoy, o executivo que o activou o 27 de outubro de 2017 co apoio do PSOE e de Cs. Este sábado pasou a mellor vida ao tomar posesión un Govern que, tal e como exixía o estado español, estivese composto por persoas non atinxidas por causas xudiciais. Para a súa conformación Quim Torra tivo que dar un paso atrás e recuar sobre a súa intención inicial de nomear como consellers aos presos Josep Rull e Jordi Turull e aos exiliados Toni Comín e Lluís Puig.
O obxectivo final deste Govern é o mesmo que o que perseguía o anterior, o encabezado por Carles Puigdemont, a quen o soberanismo continúa a considerar o president lexítimo. Ou sexa, construír a República, "a casa de todos", e facelo desde xa, sen dar "nen un paso atrás", enfatizou no seu discurso Quim Torra.
"Os familiares [dos presos e exiliados] pagades máis que ningún o prezo da represión. Os presos e exiliados son un faro, un exemplo que fai abrir os ollos a toda Europa. Este Govern asume o compromiso de avanzar de acordo co 1 de outubro, isto é, un estado independente en forma de República", dixo o president da Generalitat. "Non será un camiño doado, hai intereses moi poderosos que tentan impedilo", acrecentou.
Recados a Madrid
Fóra da solemnidade do acto de toma de posesión, Quim Torra elixiu o marco dunha intervención perante o consello nacional do PDeCAT para interpelar o novo goberno español, o que lidera Pedro Sánchez após a triunfante moción de censura que derrubou Mariano Raxoi. Torra instou Sánchez á abertura dun diálogo de ti a ti, de "govern a govern"