Acusan a persoas da contorna de Feijóo de estar no miolo do escándalo Crespo

O presidente da Xunta intentou descargar no alcalde da Coruña -principal aliado seu- as responsabilidades do escándalo, pero os novos datos apuntan a persoas moi achegadas a Feijóo como “conseguidor” dos contratos presuntamente fraudulentos.  

Núñez Feijóo
photo_camera Núñez Feijóo

O empresario coruñés Gerardo Crespo é o principal imputado nunha rede presuntamente corrupta que utilizaba os seus contactos políticos -centrados no PP pero que tamén alcanzaron a gobernos bipartitos PSOE-BNG- para facerse con subvencións públicas por valor de milleiros de euros a cambio de cursos que en moitos casos nin existían. Coñecidos son os vencellos de Crespo no concello da Coruña -parece íntimo do alcalde Carlos Negreira- e na Xunta, onde agora se sabe que tiña relacións constantes con persoas que se consideran moi achegadas ao presidente Núñez Feijóo. 

Segundo algunhas fontes, un dos mellores amigos persoais de Feijóo era un dos principais aliados de Crespo na captación de fondos públicos 

Entre @s que na investigación xa son denominados como “conseguidores” -ou sexa, @s que facilitaban o acceso aos cartos públicos- destacan a figura dun empresario madrileño coñecido como Pachi Lucas como persoa fundamental para o asalto ás subvencións de Crespo e toda a súa trama, a que agora se persegue na chamada Operación Zeta. Segundo fontes ben coñecedoras do funcionamento do PP en Galiza -por exemplo, o dirixente de Compromiso Rafael Cuíña, que así o afirmou nas redes sociais- Pachi Lucas e un dos mellores amigos persoais de Alberto Núñez Feijóo, feito que achegaría o escándalo á presidencia mesma da Xunta malia que o titular do Goberno galego quixo rebotar toda responsabilidade no alcalde da Coruña, que o sumario demostra que mantiña unha relación de grande confianza con Crespo. 

Beccaría

Por outra parte, tamén se sabe -grazas á investigación- que presuntamente foi unha ex-xefa do servizo de Traballo quen axudaba a Crespo a acceder e perfilar toda a documentación necesaria para as subvencións, para as que tamén semella que recibía o apoio e axuda -segundo algún documento- de José Manuel Romay Beccaría, eixe do PP galego e estatal nos últimos 30 anos e mentor de Feijóo. O ex-ministro negou calquera relación con Crespo, tal e como fixeron os principais cargos do PP aludidos no que se vai coñecendo do sumario.

Comentarios