Activistas pola lingua reclaman en Ikea atención en galego

Membros da Mesa pola Normalización Lingüística, entre eles o seu presidente, Marcos Maceiras, protestan no centro comercial de Ikea na Coruña polo desprezo da empresa cara a lingua do país. O catálogo en galego, denuncia a Mesa, “só se atopa en atención ao cliente e devolucións”.

A MESA IKEA
photo_camera Foto: E.D.

Cando Ikea abriu tenda na Coruña no verán de 2010, apenas tardou uns meses de incluír un catálogo en galego no seu servizo ao cliente. Ikea despregou 600.000 catálogos por todo o país. Só 33.000 en galego, un 5,5% do total. Era un comezo.

Pasaron case dez anos en a compañía sueca foi abandonando as cortesías. Por iso, despois de varias campañas nas redes sociais e intentos de comunicarse coa empresa, activistas pola lingua convocados pola Mesa decidiron irromper esta sexta feira na zona de caixas do complexo de Ikea na Coruña. Despregaron unha pancarta co lema “Ikea faise o sueco co galego”. Repartiron panfletos entre a clientela que a media mañá remataban as súas compras nos que indicaban como conseguir un exemplar do catálogo en galego: un mapa cun recorrido para chegar precisamente á zona de caixas.

“O catálogo en galego impreso existe mais ten unha tiraxe reducida. O currunchiño que lle tocou para a súa distribución na tenda é tan pouco visíbel que moita xente pensa que non hai”, explican na papeleta.

“Queremos atención en galego!”, deron en berrar as activistas mentres suxeitaban a faixa que incluía a tradución ao sueco da denuncia. “Queremos galego en Ikea!”, insistiron mentres Maceira distribuía a información entre os clientes que se asomaban até que apareceu unha garda de seguridade que foi o primeiro contacto coa empresa. “Por favor, no monten un escándalo”.

Acción da Mesa en Ikea. Na Coruña. O 20 de setembro de 2019Maceira e unha ducia de activistas, entre elas, a concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira, estaban alí para preguntar diante da empresa que hai que facer para que Ikea lembre que o galego existe, para reclamar “unha ikea.gal” e unha interlocución coa compañía e axudar a normalizar a situación... e para explicar á veciñanza que ten dereito a topar información na lingua do país e que pode facelo seguindo o mapa: “Opción 1: vai a atención ao cliente e solicítao. Opción 2: En devolución poderás atopar o montón con catálogos en galego”.

A acción concluíu cunha fotografía coa faixa ás portas do centro comercial. "Pretendemos mostrar a exclusión do galego. Fóra da web, no espazo da tenda, non hai rotulación nin indicadores ou anuncios no noso idioma. É o Ikea da Coruña, pero podería ser o de calquera outro sitio do Estado", manifestou Maceira. "O único que pedimos é que Ikea teña en galego o mesmo que ten en calquera outro idioma oficial do Estado, e ademais que se identifique co país, que é o mínimo que lle pode pedir a calquera empresario de fóra que se instala".

O responsábel lembrou que na campaña pola ILP para o uso do galego no ámbito socio-económico recolléronse 30.000 adhesións no país. A concelleira Avia Veira tamén apelou á sensibilidade do comercio: "Defendemos a normalidade da nosa lingua en todos os ámbitos da vida social, tamén, por suposto, nos comercios, nas loxas. E saudamos este tipo de accións de entidades cívicas como a Mesa ante o desleixo dunha administración pública como a Xunta nada interesada na defensa do noso idioma".

"Seguiremos enviando correos e atendendo ao que fai Ikea na cuestión da lingua", avanza Maceira. "Se son precisas máis accións como esta, farémolas".  

 

Comentarios