Nunha acción xemelga á da toma simbólica do Pazo de Meirás, un grupo de activistas da memoria -entre os que figuraban destacados dirixentes do BNG- reivindicaron esta segunda feira a restitución ao dominio público das tallas de Abraham e Isaac, obtidas de forma fraudulenta polo ditador Franco, a quen llas tería obsequiado o concello de Santiago en 1961 sen que fique ningún rexisto de tal doazón.
Varias persoas precintaron a porta de entrada ao Pazo de Xelmírez para a seguir se encadearen diante dela, mentres o resto dos activistas despregaban faixas e reclamaban a "liberdade" para as estatuas.
Efectivos da policía nacional personáronse no lugar e amagaron con pedir a documentación ás persoas encadeadas, embora -no momento de se redixir esta información- finalmente se abstiveron de facelo.
Sobre este asunto existe un proceso xudicial en marcha instado polo goberno municipal de Compostela Aberta que se está a sustanciar nun xulgado de Madrid. O concello reclama por vía civil a devolución por considerar que se produciu unha apropiación indebida das estatuas.
"Fixemos esta acción para reclamar a devolución das estatuas", declarou a Sermos Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña. "Pedimos que se tomen medidas cautelares [mentres o xuíz non resolver a demanda interposta polo concello] para que continúen nun lugar público", acrecentou.
Existe un precedente, "o intento de venda das Cruces de Pedra de Castelao por parte dunha sobriña de Virxilia [a esposa do artista e político rianxeiro]. Daquela si que se adoptaron medidas cautelares e os debuxos ficaron no Museo de Pontevedra", alega Goretti Sanmartín.
As medidas cautelares debería propoñelas o concello -pois é o actor da demanda-. "Por súa parte, a Xunta tamén pode adoptar medidas para protexer as estatutas. Ten direito a iso porque xa encetou os trámites para as declarar ben de interese cultural", conclúe Sanmartín.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, parabenizou a acción destes activistas -na súa maioría simpatizantes e militantes nacionalistas- a través da súa conta twitter.
A familia Franco roubou dúas estatuas do Pórtico da Gloria. Acto de dignidade de militantes do @obloque fronte o pasotismo de xustiza e institucións dirrectamente implicadas. Que nos devolvan o roubado #FreeAbrahanIsaac #FreeAbrahaneIsacc https://t.co/0m0ywf2Md3
— Ana Pontón (@anaponton) 26 febreiro 2018
As estatuas foron cedidas pola familia Franco para faceren parte da exposición Mestre Mateo, que se mantivo aberta no Pazo de Xelmírez até este domingo 25 de febreiro. A previsión é que no prazo máximo dunha semana os herdeiros do ditador retiren as figuras do pazo.