Vox revela os seus acordos co PP que tamén comprometen a Cs

Un acordo 'secreto' que era público e notorio

Vox deitou luz sobre as supostas sombras ao tornar público o documento "secreto" que após o 26M asinou con Vox para viabilizar gobernos das dereitas nos concellos. Como o PP non cumpriu ese contrato, a ultradereita pasa á oposicion na capital do Estado e ameaza tamén con revisar os acordos relativos á comunidade autónoma de Madrid.

vox abascal
photo_camera Acto de Vox

No segundo punto do documento —asinado por Teodoro García Egea, secretario xeral do PP; e o seu homólogo en Vox Javier Ortega Smith— afírmase con absoluta clareza que nos gobernos de coalición asinados por estas forzas con Ciudadanos a formación ultra poderá designar, nos 20 días posteriores ás sesións de investiduras, aquelas persoas que asumirían no seu nome "concellerías de goberno".

Vox séntese politicamente estafado polo PP polo incumprimento deste contrato no concello de Madrid sendo que na estrutura de goberno deseñada polo novo alcalde, o conservador José Luis Martínez-Almeida, a extrema dereita só ocuparía cargos en escalas inferiores, mais sen cadeira no executivo local.

O contrato ten tres puntos: o primeiro, garantir os votos de Vox en todos aqueles concellos en que sumen as tres dereitas (PP, Cs e Vox); o segundo, garantir concellarías de goberno para Vox, ou sexa, a retribución pola primeira cláusula; e tres, "que as partes manterán discreción sobre este acordo".

Como queira que a ollos de Vox, o PP tería incumprido o segundo dos puntos do documento, Vox séntese liberado para obviar o terceiro dos compromisos e pon o documento en coñecimento da opinión pública.

Vox tamén renuncia a ocupar cargos inferiores aos directamente gobernamentais naqueles concellos en que interpreten que este acordo se ten incumprido. Isto significaría, por tanto, que na cidade de Madrid a formación ultra non acepta as concellarías de distritos e pasaría directamente á oposición.

En todo caso, o documento supostamente secreto non revela nada que non se soubese nas direccións dos partidos: o PP comprometera co Vox a cesión de poder executivo nos concellos, indo máis alá do modelo andaluz (goberno bipartito PP-Cs con apoios da ultradereita desde o parlamento).

Comentarios