Opinión

Acordo polo galego: un paso adiante

O acordo asinado en Compostela por todas as forzas políticas galegas coa Mesa da Normalización Lingüística é indubidabelmente unha boa noticia para a normalización do noso idioma

O acordo asinado en Compostela por todas as forzas políticas galegas coa Mesa da Normalización Lingüística é indubidabelmente unha boa noticia para a normalización do noso idioma, isto é, para que o galego sexa no plano práctico lingua oficial no seu propio país

Este acordo é froito, aínda que exclusivo, das mobilizacións que nos derradeiros anos a sociedade organizada levou adiante contra as agresivas políticas do Goberno -cuestionadas mesmo desde organismos internacionais. Vemos como positivo que o partido do goberno, aínda o que ten máis apoio social no noso país, poña a súa asinatura nun texto en que se pode ler que é preciso "garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguirmos para el verdadeira igualdade e oficialidade real". Saudamos tamén que se poña o acento en tomar como punto de partida "os acordos comúns e amplos" estabelecidos na Lei de Normalización Lingüística e no Plano Xeral de Normalización de 2004.

O verdadeiramente relevante é que o acordo teña consecuencias prácticas na acción de goberno. E aí o campo é grande

O espírito de acordo, esclareceu Marcos Maceira, presidente da MNL, é conseguir que a nova política lingüística acompañe "a sociedade galega que xa actúa en solitario para repor e colocar a lingua en todos os lugares de onde está excluída".

Mais dito isto, o verdadeiramente relevante é que o acordo teña consecuencias prácticas na acción de goberno. E aí o campo é grande. O primeiro a facer sería a adaptación da legalidade vixente ao espírito do acordo. O segundo, favorecer que os meios de comunicación propios do país se impliquen realmente na promoción de usos do noso idioma. Non abonda con que se utilice o galego na televisión e na radio -por outra banda, a súa utilización está lonxe de ser exclusiva-, senón que estes meios deben ser postos ao servizo de políticas normalizadoras, pondo sobre a mesa que no noso país existe un conflito lingúístico que está lonxe de ser superado e que nese conflito o galego continúa a ser a vítima.

Comentarios