MAS Dá UN PASO ATRáS

Catalunya: acordo de investidura en clave de nación

[ACTUALIZADA ÁS 18.46] Junts pel Si e a CUP ultiman un acordo sen Artur Mas como president, un cargo que ocupará Carles Puigdemont, alcalde de Girona. 

Artur Mas [Imaxe NAIZ]
photo_camera Artur Mas [Imaxe NAIZ]

Junts pel Si e a CUP están fechando un acordo que non contempla Mas como president. O propio Mas decidiu renunciar como candidato á Presidencia para facilitar o achegamento das dúas partes e para que se poida avanzar no proces independentista.

Segundo vén de anunciar Mas nunha comparecencia no Palau da Generalitat, o próximo president será o alcalde de Girona e cabeza visíbel da Asociación de Municipios pola Independencia, Carles Puigdemont. Nas últimas horas, soaran tamén con forza os nomes de Muriel Casals e de Neus Munté.

O acordo inclúe que a CUP se compromete a non votar xunto aos grupos contrarios ao proces e ao dereito a decidir

As primeiras informacións xa apuntaban que a CUP aceptaría a substitución dun número importante dos seus parlamentares por partidarios do acordo. Porén, a estas alturas sábese que dous parlamentares da CUP se incorporarán á dinámica de Junts pel Si para garantir a estabilidade parlamentar, tal e como asegurou Mas. Tamén advertiu de que o acordo inclúe que a CUP se compromete a non votar xunto aos grupos contrarios ao proces e ao dereito a decidir.

Pola outra banda, Mas, que renunciou a ocupar calquera cargo público, asegurou que "eu non me retiro da política" e que se centrará en refacer Convergencia.

A decisión de Junts pel Si e da CUP non será oficial até que se lle comunique formalmente á presidenta do Parlament. Segundo Mas, xa chamou Carme Forcadell para informala de que Carles Puigdemont é o novo candidato á Presidencia.

Máis en Països Catalans
Comentarios