Opinión

Acomodación e españolía

Se algo resultou sintomático no discurso de Feixóo para volver ser designado presidente da Xunta foi a atonía rutineira do seu contido. Non se desviou un ápice, malia a situación crítica que estamos atravesando, do seu catecismo dogmático e confesional: a autonomía de que goza Galiza é dabondo; nada hai que reclamar en competencias esenciais, e menos reivindicar nada que teña a ver coa capacidade de decidir do pobo galego. É o Estado, como representación da nación única española, o que debe decidir todo o relevante, coa obediencia obrigada de quen, todo o máis, ás veces, debe ser xestor do mandado. Exerce, pois, quen vai ser, máis unha vez, presidente da Xunta, de alumno avantaxado dunha españolía que repercute sempre en detrimento de Galiza, malia invocar o seu nome, en conxunturas interesadas, cunha frecuencia que os seus actos reais non xustifican. O guión esixe ás veces unha demagoxia puntual, de ocasión e sen consecuencias.

Hai que queixarse, como non e desde a máxima lealdade a España,  do trato que o Goberno dá a Galiza (por exemplo, ultimamente, o reparto do fondo Covid para sanidade, educación…). Endebén, para Feixóo o esencial é dar leccións de españolía, isto é, de acomodación ao statu quo, delatando a nula cabida que Galiza, como pobo con aspiracións propias e con capacidade e necesidade de se responsabilizar de si, ten na súa política.

Segundo o presidente da Xunta, o problema sanitario vai ser a súa prioridade. Porén, non explicou nin denunciou para nada que o actual sistema de financiamento, co que comunga sen chistar, non garante os recursos suficientes. Debido a iso, os denominados constitucionalmente servizos públicos fundamentais (sanidade, ensino e protección social) padecen un déficit de financiamento insoportábel, que el coñece perfectamente, pois a Xunta é quen os xestiona. Tanto é así que, segundo o economista Xosé Díaz, no período comprendido entre os anos 2009 e 2018, as cantidades liquidadas para eses servizos superaron en 14.888 millóns de euros os que achegaba o sistema de financiamento. A maior parte desa desviación débese ao Sergas. A Xunta debeu recorrer a endebedarse para soster eses servizos fundamentais, en especial a sanidade.

Así pasou o endebedamento de 5.054 millóns de euros en 2009 a 11.349 a finais de 2018. Neste último ano, os gastos liquidados da Xunta  foron 9109 millóns de euros, e os xuros máis a amortización da débeda viva supuxo 1.188 millóns de euros. O mesmo Tribunal de Contas de Galiza, nun informe de fiscalización do ano 2017, denunciou que os orzamentos para o Sergas non valen como planificación, previsión e control do gasto porque existe unha “permanente insuficiencia estrutural dos créditos iniciais para dar cobertura ás obrigas de cada exercicio”. Isto é, a parte sanitaria do sistema de financiamento non dá para soster a sanidade galega. Porén, o presidente desbota reclamar un sistema de financiamento diferente, onde Galiza controle todos os ingresos fiscais e se responsabilice deles e dos gastos.

Algún comentarista, reverencial apoloxeta de Feixóo, ten subliñado que, na súa intervención parlamentar, botara en falta novidades, metas e propostas valentes para enfrontar esta situación crítica, non só no aspecto sanitario. Foi evidente. O que o reverencial e áulico xornalista debera saber é que o presidente non ten esa aspiración. A súa acomodación á españolía, para el o único importante e dentro das súas expectativas, impídelle exercer con valentía as súas limitadas competencias e reivindicar, con enerxía, capacidade de decidir a favor dos intereses colectivos de Galiza.

Comentarios