Imprimir

Accións cotiás a desenvolver na loita contra a COVID-19

H. Pena | 20 de marzo de 2020

A distancia social debe conservarse en todo momento. (Foto: Europa Press).
A distancia social debe conservarse en todo momento. (Foto: Europa Press).
Manter a distancia social no súper ou desinfectar as patas das nosas mascotas poden resultar vitais

A loita para frear a pandemia do coronavirus comeza en todos e cada un de nós. Transcorridos seis días desde que o Goberno español decretase o confinamento obrigatorio, a poboación comeza a automatizar unha serie de medidas que, con anterioridade, non formaban parte das súas rutinas cotiás.

A meirande parte delas están relacionadas coa hixiene, onde radica unha das chaves para evitar a transmisión da COVID-19. Por iso resulta fundamental lavar as mans con frecuencia, en especial cando se teña que saír ao exterior a realizar algunha das actividades autorizadas, como mercar ou pasear o can.

Precisamente arredor destes animais creouse unha rumoroloxía que é necesario desmentir. Os cans non transmiten o coronavirus, mais, por unha cuestión de prevención, a Dirección Xeral de Dereitos dos Animais recomenda que despois de cada paseo se lles limpen con xel desinfectante as almofadiñas e o rabo. 

Ollo nos supermercados

Outra das actividades permitidas fóra da casa é a adquisición de medicamentos nas farmacias ou de alimentos nos supermercados, panaderías e tendas de comestíbeis, onde a pesar do reforzamento dos protocolos de hixiene e limpeza, a proximidade doutras persoas ou o contacto con superficies como portas, estantes ou carros da compra poden chegar a ser focos de contaxio do virus.

Ademais, tamén existe risco na manupulación de envases de alimentos, xa que cabe a posibilidade de que algunha persoa infectada coa COVID-19 esbirrase, tusise ou estendese pingas respiratorias infectadas tras manipulalo con anterioridade.

Por iso resulta fundamental, en primeiro lugar, seguir esta recomendación básica: nunca tocar os ollos, a nariz e a boca coas mans. Ademais, débese procurar manter a distancia social en todo momento, é dicir, unha separación sempre maior a un metro respecto a calquera outra persoa, unha medida obrigatoria que xa instauraron en diferentes grupos de alimentación, tras consensualas a través da Asociación Española de Distribuidores, Autoservicios e Supermercados. 

De feito, e tendo en conta que un lavado con auga quente e xabón pode desgarrar a barreira exterior do virus, as especialistas recomendan lavar ben as mans tamén despois de gardar todos os paquetes e, incluso, chegan a sinalar que tamén se poden lavar os propios envases.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/accions-cotias-desenvolver-loita-covid-19/20200319214854093418.html


© 2020 Nós Diario